Pasar al contenido principal

Premiado o sistema de ‘Fotogrametría para a Entrega de Mercadorías Lixeiras Aerotransportadas’ do CiTIUS

Os investigadores Francisco F. Rivera (esquerda) e José Carlos Cabaleiro, ás portas do CiTIUS. FOTO: Andrés Ruiz
Os investigadores Francisco F. Rivera (esquerda) e José Carlos Cabaleiro, ás portas do CiTIUS. FOTO: Andrés Ruiz
As novas técnicas, desenvolvidas para o seu uso sobre UAVs (drons) polo Grupo de Arquitectura de Computadores do centro (GAC), foron recoñecidas no marco do congreso CivilDron’20
Santiago de Compostela

A Fundación de la Energía de la Comunidad de Madrid concedeu ao grupo do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), dirixido por Francisco Fernández Rivera, unha das distincións particulares do concurso promovido durante o congreso nacional CivilDron’20, en “recoñecemento á Innovación na aplicación dos drons no sector civil”.

O premio distingue as técnicas desenvolvidas no CiTIUS para a entrega de mercadorías lixeiras aerotransportadas en contornas de difícil acceso, e é froito dunha convocatoria promovida polos organizadores do congreso en torno ao uso e aplicación de drons na realización de tarefas ou actividades profesionais ou empresariais.

A iniciativa xorde para fomentar o coñecemento das aplicacións e usos dos drons na sociedade civil, posto que a utilización destas tecnoloxías contribúe ao aforro e optimización dos recursos enerxéticos no desempeño de tarefas e labores no ámbito civil, ademais de evitar riscos e mellorar a seguridade.

Os promotores do concurso, que quixeron destacar o alto nivel das propostas presentadas, aseguraron que “dada a gran calidade das candidaturas recibidas, desde a Fundación decidimos outorgar varios recoñecementos particulares”. Para José Carlos Cabaleiro, investigador responsable do proxecto recoñecido, “este premio é a constatación de que a nosa investigación no tratamento eficiente de nubes de puntos 3D pode dar solución a problemas de importancia social, como sucede neste caso particular, xa que a súa implementación permitirá, por exemplo, aumentar a seguridade dos peregrinos no Camiño de Santiago”, explica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.01.2021.