Pasar al contenido principal

O CiMUS aposta polo talento novo coa incorporación de catro grupos de investigación

De esquerda a dereita, Pablo Aguiar, Diana Guallar, Ricardo Villa e Ashwin Woodhoo
De esquerda a dereita, Pablo Aguiar, Diana Guallar, Ricardo Villa e Ashwin Woodhoo
Terapia con células nai, medicina de precisión en trastornos do sistema nervioso e cancro ou avances en enfermidades cardiovasculares serán os eidos de traballo destes equipos coordinados por persoal científico da USC menor de 45 anos
Santiago de Compostela

A aposta polo talento novo dentro da USC dá un novo salto cualitativo coa incorporación de catro grupos no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Os equipos liderados por Pablo Aguiar, Diana Guallar, Ricardo Villa e Ashwin  Woodhoo, que coordinarán o traballo dunha vintena de científicos de formación multidisciplinar e transversal, permiten superar a barreira dos trinta grupos neste centro singular da USC, chegando a un total de 34. A procedencia galega, estatal e internacional dos novos investigadores principais demostra ademais a diversidade cultural e o perfil global do CiMUS.

Os catro xefes de grupo, todos eles con menos de 45 anos e diferentes recoñecementos pola relevancia do seu traballo, poñen de manifesto a estratexia deste centro singular da USC enfocada ao talento novo formado en diferentes puntos do mapa internacional. A modificación química do ARN e investigación de novas terapias con células nai; a bioquímica aplicada ao estudo de enfermidades cardiovasculares; comprender a  patoxénese de enfermidades do sistema nervioso para avanzar na súa prevención e tratamento; ou o camiño da medicina de precisión en enfermidades de alta prevalencia como cancro, Alzheimer ou Parkinson, son algunhas das liñas mestras dos novos grupos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.03.2021.