Pasar al contenido principal

Últimas horas para inscribirse no programa 'Día das Nenas e Mulleres nas TIC' do CiTIUS

As actividades están dirixidas especificamente a alumnado de primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional. FOTO: Santi Alvite
As actividades están dirixidas especificamente a alumnado de primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional. FOTO: Santi Alvite
O xoves 22 e o venres 23 desenvolveranse en liña unha serie de obradoiros e relatorios para distintas idades adaptados aos diferentes niveis educativos
Santiago de Compostela

Coa intención de conmemorar o 'Día Internacional das Nenas e Mulleres nas TIC', o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) celebra o xoves 22 e o venres 23 de abril, dende as 10.00 horas, unha serie de obradoiros para distintas idades e relatorios adaptados aos diferentes niveis educativos. Con este programa de accións de divulgación científica quérese amosar a investigación que están a desenvolver as investigadoras deste centro singular da USC, así como espertar o interese de nenas e mozas nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), un eido da ciencia que, aínda na actualidade, conta cunha porcentaxe moi baixa de mulleres.

Explicar a relación do pensamento computacional con actividades cotiás e de lecer; afondar nas ferramentas dixitais que empregamos para comunicarnos e recibir información, así como na súa evolución a través do tempo; ou trazar unha viaxe coa que coñecer as grandes inventoras da historia  para  debullar  polo  miúdo  as  motivacións  que levan ás mulleres a dedicarse profesionalmente á enxeñaría, serán algunhas das cuestións tratadas a través desta iniciativa.

As distintas actividades ofertadas, nas que participarán as investigadoras do centro Eva Cernadas, Natalia Seoane, Andrea Cascallar e Paula López, terán lugar en formato virtual e requirirán de rexistro previo, ata este luns 19 de abril, a través do formulario de inscrición. Completado o rexistro, as persoas interesadas recibirán no seu correo electrónico unha ligazón para acceder aos distintos encontros, cunha antelación de 24 horas. As actividades están dirixidas especificamente a alumnado de primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.04.2021.