Pasar al contenido principal

Rubén Nogueiras, recoñecido nos Premios á Investigación Fundación Jesús Serra

Rubén Nogueiras é investigador do CiMUS. FOTO: Santi Alvite
Rubén Nogueiras é investigador do CiMUS. FOTO: Santi Alvite
Estes galardóns teñen como obxectivo profundar no vínculo entre nutrición, alimentación e saúde
Santiago de Compostela

O investigador da USC no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), Rubén  Nogueiras, acaba de ser recoñecido na terceira edición dos Premios Fundación Jesús Serra. Nogueiras, premiado na categoría básica, foi seleccionado polo proxecto ‘Role  of  Tanycytes  in  Nutrient  Sensing’, centrado en enfermidades pandémicas que supoñen un elevado custo económico, social e sanitario como é o caso da obesidade.

A investigación xira arredor dos mecanismos implicados na interacción entre o sistema nervioso central e os órganos periféricos para regular o balance enerxético. Ademais, o traballo salienta que os novos mecanismos interceden no desenvolvemento da enfermidade do fígado graxo non alcohólico, unha enfermidade intimamente ligada á obesidade, cuxa prevalencia aumenta de maneira continua e para a que non existe un tratamento.

O director científico de  CiMUS, Carlos Diéguez, afirmou que “Rubén  Nogueiras é un mozo recoñecido internacionalmente no campo do control central do metabolismo e, máis recentemente, polos seus estudos sobre o papel  metabólico de  p53. Trátase dunha figura que, sen dúbida, terá un destacado papel no futuro da investigación en España”. Para Rubén Nogueiras, obter este premio supón “un recoñecemento ao noso labor e un gran apoio a unha investigación que pode proporcionar unha perspectiva completamente nova sobre como se produce a comunicación entre os órganos periféricos e o sistema nervioso central”. Estes galardóns están dotados con 35.000 euros en cada categoría.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.06.2021.