Pasar al contenido principal

A incubadora BioIncubaTech premiará os mellores TFG e TFM nos eidos agroalimentario ou sanitario

Cartel do certame
Cartel do certame
O prazo para tomar parte na iniciativa ‘Join TFG/TFM’ que repartirá 3.600 euros en premios, mantense aberto ata o 30 de setembro
Lugo, Santiago de Compostela

O programa ‘Join TFG/TFM’, unha iniciativa integrada dentro da incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da biotecnoloxía BioIncubaTech, quere fomentar o interese dos estudantes universitarios polo sector agroalimentario ou sanitario. Poden tomar parte neste certame Traballos Fin de Grao (TFG) e Traballos Fin de Mestrado (TFM) enfocados no eido de actuación da incubadora e cuxa defensa se desenvolvese en calquera institución universitaria do territorio galego, nos últimos tres anos académicos. Os traballos teñen que estar redactados en galego, castelán ou inglés, e obter unha cualificación superior a cinco.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de setembro. Posteriormente, os traballos pasarán a ser avaliados e o 18 de outubro publicarase a listaxe de finalistas, os cales defenderán virtualmente o seu traballo ante un comité de valoración. En total repártense 3.600 euros en premios, 1.800 euros en cada categoría. O primeiro premio recibirá unha contía de 1.000 euros, o segundo premio de 500 euros, e o terceiro premio unha contía de 300 euros.

BioIncubaTech é unha iniciativa da USC, financiada pola Fundación INCYDE dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Intelixente 2014É16RFOP001, a través do Organismo Intermedio Cámara de Comercio de España. Este proxecto forma parte do proxecto ‘Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ás micropemes’, orientadas a promover unha modernización do tecido produtivo das rexións. As Incubadoras créanse como uns instrumentos tractores aliñados cos obxectivos da Estratexia UE 2020 e Horizonte 2020. Cada unha das Incubadoras permitirá promover a cooperación interrexional, así como a colaboración entre os axentes do sector público e empresarial, non só a nivel estatal, senón internacional.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.09.2021.