Pasar al contenido principal

Entregados os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

O proxecto no que participa o equipo da USC leva por título ‘Utilización de proteínas de parece celular bacteriana como base para a formulación de vacinas de subunidades con aplicación en acuicultura’
O proxecto no que participa o equipo da USC leva por título ‘Utilización de proteínas de parece celular bacteriana como base para a formulación de vacinas de subunidades con aplicación en acuicultura’
O galardón ‘Francisco Guitián Ojea’ conforma “un enorme estímulo” para seguir traballando no desenvolvemento de novas vacinas para peixes de cultivo, explicou o catedrático da USC Manuel Lemos ao recoller este recoñecemento centrado na tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia
Santiago de Compostela

Investigadores do Instituto de Acuicultura da USC, da Facultade de Ciencias da Coruña e do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas recolleron este martes os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, concretamente o premio ‘Francisco Guitián Ojea’, dirixido a aqueles traballos de investigación aplicada co obxecto de recoñecer a creación dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. O proxecto no que participa o equipo da USC leva por título ‘Utilización de proteínas de parece celular bacteriana como base para a formulación de vacinas de subunidades con aplicación en acuicultura’.

O catedrático da USC Manuel Lemos recolleu o galardón en nome de todo o equipo e asegurou que o premio será sen dúbida “un enorme estímulo” para seguir traballando nesta liña de desenvolvemento de novas vacinas para peixes de cultivo, utilizando ferramentas da bioloxía molecular e a química estrutural. Lemos sinalou tamén que ven o premio como un recoñecemento á investigación pluridisciplinar, á colaboración entre grupos e á investigación básica como cimentación sobre a que se asenta a investigación aplicada. “É imprescindible transferir o coñecemento á sociedade, o que implica dedicarlle recursos de forma estable no tempo, fomentar as vocacións científicas entre mozas e mozos e ofrecerlles unha carreira investigadora clara e estable”, destacou. Alén de Lemos, conforman o equipo investigador, Miguel Balado Dacosta e Diego Rey Varela do Instituto de Acuicultura; Carlos Jiménez González e Antón Vila Sanjurjo, da Facultade de Ciencias da Coruña; así como Katherine Valderrama Pereira e Jaime Rodríguez do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas da UDC.

Enxeñaría xenética

O desenvolvemento de novas vacinas é unha das principais necesidades da acuicultura para previr brotes de enfermidades infecciosas que limitan seriamente a produción e expansión do cultivo de peixes. Neste traballo, desenvolveuse unha nova vacina contra a enfermidade coñecida como fotobacteriose, unha infección bacteriana de gran relevancia na acuicultura de peixes. Esta nova vacina (do tipo coñecido como vacinas de subunidades) baséase no uso dunha proteína que forma parte da envoltura celular da bacteria que causa a fotobacteriose. A proteína obtívose en grandes cantidades mediante enxeñaría xenética noutra bacteria (Escherichia coli) de uso común no laboratorio. Esta proteína purificada e inxectada nos peixes foi capaz de inducir a síntese de anticorpos e protexelos da fotobacteriose en infeccións experimentais. Os autores están a desenvolver esta mesma tecnoloxía para a prevención doutras infeccións relevantes causadas por diferentes bacterias.

Premios á transferencia

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, promove os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021, destinados a recoñecer traballos de investigación aplicada, casos de éxito en transferencia de coñecemento e casos de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía. Nesta sétima edición recibíronse un total de 32 propostas para as tres categorías do certame.

O evento, presidido este martes polo presidente da RAGC e profesor emérito da USC, Juan Lema Rodicio, contou coa asistencia de numerosos académicos como a secretaria da institución, Pilar Bermejo, o académico da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, Ángel Carracedo, ou o responsable de publicacións e relacións sociais da Academia, Fernando Pérez González; así como a directora de Gain, Patricia Argerey; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; e o delegado institucional do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia, Antonio De Ron Pedreira; entre outras autoridades.

O xurado estivo composto por Pilar Bermejo, que actuou como presidenta do xurado; e os vogais, Alicia Estévez Toranzo, vicepresidenta da RAGC, Fernando Pérez González, responsable de publicacións e relacións sociais da RAGC, que tamén exerce como secretario do xurado; María Diéguez Gómez e Elena Polo Prieto de Gain, Norberto Penedo Rey do IGAPE, e Luis Alfonso Álvarez Sestelo da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Os tres traballos distinguidos recibiron un premio de 6.000 euros cada un e un diploma acreditativo.

Na modalidade de casos de éxito de transferencia de tecnoloxía dun grupo de investigación, o premio ‘Fernando Calvet Prats’ recaeu no proxecto BIOFAST– Biomaterial para rexeneración ósea, do grupo de investigación de Novos Materiais do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo (UVigo). Por último, o premio ‘Ricardo Bescansa Martínez’ a un caso de éxito de implantación de tecnoloxía transferida foi para a posta en marcha da spin-off Alice Biometrics SL, xurdida da colaboración co Centro Tecnológico de Telecomunicaciones de Galicia–Gradiant.

No peche do acto, Juan Lema felicitou os premiados e destacou a importancia da transferencia de tecnoloxía para “valorizar a actividade científica” e de divulgación para “transmitir á sociedade os valores e as capacidades da ciencia”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.06.2021.