A USC protagonista do ‘Camiño de Compostela 2032’ cun cartafol de proxectos estratéxicos

Antonio López, reitor da USC, participou esta fin de semana na xuntanza do Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela, a primeira que se celebra nos últimos 18 anos e que busca desenvolver un modelo transformador para a cidade. A institución universitaria é un dos elementos definitorios de Santiago como cidade patrimonio cultural da humanidade e como final do Camiño. Esta condición de cidade universitaria “forma parte, como segunda natureza, do ser mesmo da cidade”.
A xuntanza do Real Padroado serviu para presentar a Proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032 `Camiño de Compostela 2032´, no que se recolle un investimento global de 281, 56 millóns de euros para o período 2021-2032. O documento define un ambicioso proxecto de inversión plurianual do que a USC participa con diversos proxectos, que forman parte do seu plan de infraestruturas, de carácter estratéxico para vindeiros anos: a conservación de edificacións históricas como a Facultade de Xeografía e Historia ou o actual edificio da Facultade de Medicina; a humanización e o fomento dunha maior conexión do Campus Universitario co resto da cidade; ou o da futura Cidade da Saúde, entre outros.
O traballo previo realizado dende a USC a través, entre outros, do Plan de Infraestruturas permite a formulación de proxectos para cada unha destas actuacións, dando sentido ao investimento anunciado, ao tempo que constitúe un enfoque fundamental para planificar o calendario de traballo.