Pasar al contenido principal

USC e Xunta optimizan a produción de semente de moluscos bivalvos en criadeiro coa que repoboar os bancos marisqueiros

O acordo aborda o control microbiolóxico do criadeiro de bivalvos. Imaxe de arquivo de ameixas. FOTO: Santi Alvite
O acordo aborda o control microbiolóxico do criadeiro de bivalvos. Imaxe de arquivo de ameixas. FOTO: Santi Alvite
As partes traballan conxuntamente na busca de posibles patóxenos que poidan lastrar a produción de semente nas diferentes etapas de cultivo
Santiago de Compostela

O profesor e membro do grupo de investigación de Patoloxía na Acuicultura da Facultade de Bioloxía da USC, Juan Luís Barja, xunto á conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou este mércores as instalacións do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Ribadeo, para coñecer o traballo realizado no centro no marco da colaboración entre as partes para mellorar a produción de semente de moluscos bivalvos en criadeiros. Neste sentido, a visita serviu para poñer o foco na importancia de que as distintas institucións sumen sinerxías co obxectivo de optimizar a produción de semente e a repoboación dos bancos marisqueiros.

A colaboración entre a USC e a Consellería do Mar tradúcese nun convenio asinado a comezos de mes que ten como finalidade minimizar o impacto das patoloxías bacterianas en criadeiros de moluscos bivalvos, impulsar a produción de semente nestas instalacións e avanzar na posta a punto de procedementos microbiolóxicos de manexo en criadeiro. O protocolo acordado entre as partes, que conta cun orzamento de máis de 162.000 euros e vixencia ata finais de 2023, tamén pretende racionalizar o seguimento das actuacións microbiolóxicas nos cultivos de moluscos bivalvos realizado ao abeiro das accións de investigación despregadas nas distintas instalacións de cultivo dependentes da Consellería do Mar.

O labor conxunto da USC e a Xunta centrarase no binomio fitoplancto-larvas como eixo principal para o control microbiolóxico do criadeiro de bivalvos e na dinámica dos patóxenos bacterianos co fin de minimizar o seu impacto no cultivo larvario das distintas especies. Trátase dun traballo que terá en conta os resultados obtidos neste eido en colaboracións anteriores entre as partes e que reflicten que os patóxenos larvarios que limitan o avance da produción en criadeiro parecen estar asociados á instalación e/ou condicións de cultivo.

Por iso, o convenio céntrase no estudo das posibles dificultades de produción existentes nas instalacións de cultivo que o CIMA ten en Ribadeo e tamén no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), para detectar posibles patóxenos nas especies en diferentes etapas de cultivo. Os traballos tamén inclúen a análise global dos datos biolóxicos-microbiolóxicos integrados dos criadeiros deses dous centros e o estudo de diferentes tipos de cultivo de fitoplancto, a súa incidencia e factores que inflúen na proliferación de patóxenos.

“Este tipo de colaboracións e investigacións con outras institucións son fundamentais para acadar o obxectivo de incrementar a produción de semente de moluscos bivalvos en criadeiros e cubrir as necesidades de recurso co que repoboar os bancos marisqueiros para aumentar a súa produción”, explicaron no transcurso da visita.

Outras colaboracións

Esta acción de investigación conxunta entre a USC e a Consellería do Mar dá continuidade a outras colaboracións, como as seladas en 2019, para estudar melloras na produción de semente en criadeiros e o desenvolvemento larvario dos bivalvos con ese mesmo obxectivo de favorecer o abastecemento do sector e así incrementar a produción marisqueira e os ingresos dos profesionais que desenvolven esta actividade.

Juan Luís Barja e Rosa Quintana no transcurso da reunión
Juan Luís Barja e Rosa Quintana no transcurso da reunión
Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.08.2021.