Pasar al contenido principal

A Aula de Produtos Lácteos desenvolve bebidas funcionais de base láctea hiperproteica do Grupo Leite Río

Jesús García, Vicente Pérez, Lara Méndez, Carmen Lence, Montserrat Valcárcel, Elvira López e José Manuel Andrade, na presentación de Opti Pro, na APTLA da USC
Jesús García, Vicente Pérez, Lara Méndez, Carmen Lence, Montserrat Valcárcel, Elvira López e José Manuel Andrade, na presentación de Opti Pro, na APTLA da USC
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e a CEO da factoría láctea galega, Carmen Lence, presentan novos alimentos funcionais para deportistas no marco dun acto celebrado na sede luguesa da APLTA
Lugo

A Aula de Produtos Lácteos da USC colabora co Grupo Leite Rei no desenvolvemento dun novo alimento funcional, como é a gama de bebidas de base láctea e hiperproteica orientada a deportistas que a factoría luguesa comercializará baixo a marca Opti Pro. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel; a CEO da factoría luguesa, Carmen Lence, e a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, Elvira López Mosquera, presentaron este xoves esta nova liña de produtos lácteos enriquecidos Opti Pro, no marco dun acto no que se puxo de manifesto as potencialidades que ofrece a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC a produtores e empresas que teñen o leite como principal materia prima da súa actividade.

A contribución da Aula de Produtos Lácteos da USC á nova liña de produtos Opti Pro, unha bebida de base láctea e hiperproteica dirixida a persoas que realicen algún tipo de deporte ou actividade física e que o Grupo Leite Río comercializará en tres sabores (chocolate, café e vainilla) non é menor, dado que a plataforma tecnolóxica do Campus Terra da USC actuou como protagonista destacado tanto na súa formulación como no propio desenvolvemento experimental do produto final nas instalacións da súa planta piloto do lugués barrio de Sanfiz.

A nova gama de alimentos funcionais que agora saca ao mercado o Grupo Leite Río baixo a marca Opti Pro é o resultado dunha nova colaboración establecida entre este grupo lácteo galego e a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus Terra da USC en xaneiro de 2020, cando comezaron as primeiras formulacións dun alimento funcional cuxos primeiros ensaios de elaboración na planta piloto da APLTA se remontan ao mes de xullo do ano pasado.

As tecnoloxías implicadas neste proceso, segundo indicaron os técnicos da Aula de Produtos Lácteos da USC, foron principalmente de ultrafiltración, UHT con envasado aséptico, e análises físicas, de valor nutricional e sensorial dos produtos finais. A aplicación e a posterior validación deste complexo proceso tecnolóxico permitiu a creación de Opti Pro, un produto elaborado con leite de granxas galegas con alto contido en proteína, baixo contido en graxa, sen azucres engadidos e apto para que persoas alérxicas á lactosa o poidan consumir con total seguridade.

A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade; o director de Operacións do Grupo Leite Río, ademais dunha nutrida representación de empresarios lugueses, tamén participaron nesta sesión de presentación da nova gama de alimentos funcionais que xa está a comercializar o Grupo Leite Río.

Novas bebidas funcionais deenvolvidas por Leite Río na APLTA da USC
Novas bebidas funcionais deenvolvidas por Leite Río na APLTA da USC
Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.10.2021.