Pasar al contenido principal

Unha investigación relaciona cambios na materia branca do cerebro co avance do alzhéimer

Alzhéimer
Esta é a primeira investigación destas características que se realiza a nivel mundial na materia branca do cerebro. FOTO: Santi Alvite
Científicos da USC abren a porta a cambiar o foco das terapias actuais centradas na materia gris
Santiago de Compostela

Un estudo do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) no que tamén toma parte a USC, relaciona cambios na materia branca do cerebro co avance do alzhéimer. O traballo desenvolvido en colaboración con médicos do Servizo de Neuroloxía e Medicina Nuclear do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), acaba de ver a luz no European Journal of Nuclear Medicine and Molecular Imaging. Esta é a primeira investigación destas características que se realiza a nivel mundial na materia branca do cerebro e serviu para analizar a proteína amiloide nesta substancia cerebral, converténdoa nun novo biomarcador asociado ao avance clínico desta enfermidade.

“Ata o de agora todas as investigacións centrábanse en medir os depósitos de proteína amiloide na materia gris do cerebro, obviando a materia branca. Este traballo abre, por tanto, a porta a un novo biomarcador de seguimento da enfermidade e mesmo a cambiar o foco das actuais terapias, que se enfocan en reducir o amiloide na substancia gris e que fracasaron a maioría delas”, explica o investigador Pablo Aguiar.

Preto de 800 participantes

Este estudo é un traballo derivado da tese de Alexis Moscoso, finalizada o ano pasado. A investigación permitiu comprobar que os depósitos de proteína amiloide na materia branca do cerebro están relacionados coa progresión clínica do alzhéimer. Para levalo a cabo contaron cunha mostra de 795 participantes. “O amplo tamaño da mostra constitúe unha fortaleza xa que nos permite cubrir todo o espectro da enfermidade”, sinala Aguiar. Para poder analizar os depósitos de proteína amiloide na materia branca do cerebro dos pacientes utilizouse como ferramenta central de traballo a tomografía por emisión de positróns.

Estes escáneres realizáronse en numerosos países de todo o mundo, coordinados dende Estados Unidos, constituíndo a base de traballo para esta investigación que analizou os datos referidos a cada un deles durante un seguimento de máis de cinco anos. “As probas realizáronse en estado basal dos pacientes para poder dispoñer de datos lonxitudinais da evolución da enfermidade. A través destas probas puidemos comprobar como os pacientes que presentaban proteína amiloide na materia branca do cerebro eran os que cognitivamente evolucionaban peor”, indica o investigador.

A materia branca

O tecido chamado ‘materia gris’ presente no cerebro e na medula espinal, coñécese tamén como substancia gris e está composto por corpos de células neuronais. Coñécese por este nome porque os núcleos que compoñen as neuronas fan que adquira unha tonalidade desta cor cando se analiza o cerebro. Está implicado en funcións como o control muscular, a fala, as emocións, a toma de decisións ou a memoria. Pola súa parte, a denominada ‘materia branca’ está composta por fibras nerviosas. Coñécese por este nome porque a mielina dos axóns das súas neuronas fai que adquira esta cor cando se analiza o cerebro. Está situada entre a substancia gris, o corpo estriado e a parte media do cerebro e o seu principal papel dentro do sistema nervioso central é a comunicación máis que o procesamento, aínda que tamén se encarga de regular funcións inconscientes como a temperatura corporal, a fame, a sede, a presión sanguínea e o ritmo cardíaco.

Jesús Silva, Alexis Moscoso e Pablo Aguiar
Jesús Silva, Alexis Moscoso e Pablo Aguiar
Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.10.2021.