Pasar al contenido principal

Un total de oito empresas lideradas por mulleres buscan financiamento no I Foro de Inversión Innovatia 8.3

Laboratorio da USC
O Proxecto Innovatia 8.3 nace en 2011 grazas á colaboración entre o Instituto de las Mujeres e a USC. Imaxe de arquivo dun laboratorio. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa conxunta de USC e Instituto de las Mujeres quere fomentar o emprendemento universitario de base tecnolóxica
Lugo, Santiago de Compostela

A primeira edición do Foro de Inversión Innovatia 8.3 que, de xeito conxunto, impulsan USC e Instituto de las Mujeres serviu este martes para afondar na introdución da perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e na creación de empresas, así como no fomento do emprendemento universitario, sobre todo de base tecnolóxica, e no apoio a emprendedoras universitarias. Así, un total de oito empresas PEMEs déronse cita na sede do Instituto en Madrid para tomar parte neste foro orientado á captación de financiación por parte de empresas innovadoras lideradas por mulleres e creadas co apoio das universidades ou organismos públicos de investigación (OPIs).

Integra Therapeutics, Bicosome, BFlow, Captoplastic, Genengine, Meetoptics, Gate2Brain e Plus Vitech superaron un proceso de selección previo para tomar parte nas actividades que integran o foro. As empresas inscritas contaron con tres seccións de formación en materia de Procesos de Financiación, Elevator Pitch e Negociación para a captación de financiación e valoración do proxecto empresarial, realizado por XESGALICIA; así como de titorización individualizada, para dar soporte ás emprendedoras na elaboración da presentación do seu proxecto.

A selección das empresas levouse a cabo por parte dun Comité Avaliador de expertos ademais de por diversas entidades de inversión. O foro no que tomou parte o reitor Antonio López persegue promover un cambio nos modelos establecidos e reproducidos na actualidade, brindando maior visibilidade aos proxectos emprendedores liderados por mulleres no mundo da investigación.

Proxectos presentados

Integra Therapeutics é unha empresa centrada na edición de xenes para curar enfermidades. Plus Vitech SL desenvolve fármacos para terapias contra o cancro. Gate2Brain, pola súa banda, focalízase nas terapias que cruzan as barreiras biolóxicas a nivel cerebral. Genengine deseña solucións que dixitalizan e melloran procesos no ámbito xenético-clínico. Bicosome comercializa ingredientes avanzados para o coidado da pel e o cabelo mediante una tecnoloxía de encapsulación patentada; mentres que Meetopitcs Labs traballa no eido da fotónica. Cartoplast, pola súa parte, protexe as augas dos microplásticos. Finalmente, BFlow dedícase a proporcionar organ-on-a-chip e solucións microfluídas que permitan mimetizar o comportamento dun ser vivo nas fases preclínicas de descubrimentos de fármacos.

Anos de colaboración

O Proxecto Innovatia 8.3 nace en 2011 grazas á colaboración entre o Instituto de las Mujeres e a USC co obxectivo de introducir a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e creación de empresas. Nestes dez anos puideron analizar, comprender e achegar ferramentas para corrixir os “rumbos de xénero” no emprendemento universitario baseado na tecnoloxía e o coñecemento implementado nas universidades e centros de investigación.

Innovatia 8.3
Foto de familia dos asistentes ao acto
Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.10.2021.