Pasar al contenido principal

BioINcubaTech ofrece un novo ciclo formativo gratuíto cara á creación de empresas e o acceso ao mercado

BioINcubaTech activa almorzos formativos en liña
BioINcubaTech activa almorzos formativos en liña
Esta incubadora dedicada ao fomento da innovación e a transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias, está liderada pola USC en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e UNINOVA, e co apoio da Xunta de Galicia

A incubadora de alta tecnoloxía, BioINcubaTech, lanza o seu segundo ciclo de almorzos formativos dedicado, nesta ocasión, á creación de empresas e o acceso ao mercado. A acción forma parte dun ciclo de 25 actividades formativas  en liña e gratuítas que se desenvolverán ata marzo de 2022.

O obxectivo das sesións, en aberto para o público, é proporcionar ao tecido empresarial galego os coñecementos e experiencia de relatoras de referencia en ámbitos do sector bio, da saúde e das tecnoloxías alimentarias, e xerar un debate a modo de  think  thank, que esperte posibles ideas e iniciativas que se poidan concretar e aplicar en cada un dos proxectos.

Os encontros distribúense en cinco ciclos ata completar 25 seminarios e as sesións deste segundo ciclo desenvolveranse os próximos 23 de novembro e 1 de decembro. Na primeira delas, participará Lourdes Núñez-Müller, directora de Transferencia de Coñecemento, Internacionalización e Emprendemento do Parque Tecnolóxico da Saúde de Granada e responsable directa do programa  AcexHealth, unha aceleradora especializada no sector da saúde. Na súa intervención tratará as principais accións realizadas no marco do programa e os seus resultados.

O 1 de decembro pecharase este ciclo formativo coa intervención de Óscar Gil Gonzalo, Global  IT  Innovation  Manager en  NESTLE, que abordará os programas de innovación cos que se traballa na entidade para valorar produtos que poden ser de interese para o mercado.

Estas sesións dan continuidade a outras dúas celebradas no mes de novembro e que contaron coa presenza de Borja Lafuente, responsable de sustentabilidade en DANONE South Europe e de Begoña Pérez-Villarreal, directora de EIT Food Innovation Hub.

As actividades formativas proseguirán ata marzo, con novas figuras relatoras e temáticas enfocadas, igualmente, a xerar  networking e redes de colaboración no sector.

Á finalización de cada sesión, porase ademais ao dispor das persoas asistentes, previa inscrición, a posibilidade de realizar un breve encontro privado coas relatoras para compartir con elas dúbidas ou intereses concretos.

De igual modo, está previsto que as persoas asistentes reciban un certificado que acredite a súa participación na acción formativa.

BioINcubaTech

BioINcubaTech, incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias, é un proxecto liderado pola área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, xunto coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e  UNINOVA, e está cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Neste sentido,  BioINcubaTech é unha das iniciativas que está incluída dentro da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía que a Xunta de Galicia puxo en marcha para o período 2021-2025.

Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional - FEDER dentro do Programa Operativo  Plurirregional de España FEDER 2014-2020 PO Proxecto "Incubadoras de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ás micropemes Fundación INCYDE" - Cofinanciado polo FEDER nun 80%.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.11.2021.