Pasar al contenido principal

DivulgaTerra achega desde Lugo petiscos de I+D+i en galego sobre enxeñaría, educación e ciencias sociais e da saúde

Investigadores do Campus Terra da USC, xunto coa vicerreitora de Coordinación, Montserrat Valcárcel, na Casa do Saber
Investigadores do Campus Terra da USC, xunto coa vicerreitora de Coordinación, Montserrat Valcárcel, na Casa do Saber
A segunda quenda de relatorios do ciclo de divulgación das liñas de investigación activas no Campus Terra celebrarase o 25 de novembro na Casa do Saber
Lugo

O evento de divulgación científica DivulgaTerra 2021, unha iniciativa promovida polo  Servizo de Normalización Lingüística da USC xunto coa Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para dar a coñecer o traballo desenvolvido polas investigadoras e investigadores do Campus Terra da USC, ademais de potenciar e poñer en valor o galego como lingua da comunicación científica, achega un ano máis petiscos de investigación en galego sobre enxeñaría, educación e ciencias sociais e da saúde, tal e como se constatou este xoves na primeira quenda de faladoiros deste programa. O DivulgaTerra 2021 terá continuidade o xoves 25 de novembro, a partir das 19.30 horas, no auditorio da Casa de Saber de Lugo, o escenario no que outros dez investigadores e investigadoras da sede universitaria luguesa presentarán o seu particular menú científico.

O programa da segunda xornada do DivulgaTerra 2021 afondará tamén sobre as mesmas áreas temáticas, que capitalizan en grande medida a acción do I+d+i do Campus Terra. Daquela, Manuel Souto Herrero tratará o progresivo deterioro do monte na charla ‘Quedaremos sen amieiros?’. A xestación do gando vacún centrará a intervención ‘Máis aló dunha cunca de leite’, a cargo de Uxía Yáñez Ramil, mentres que a alimentación destas animais será protagonista do relatorio de Jorge Prieto Vilaboa, que leva por ttulo ‘As vacas comen máis que herba?’´

María Rodríguez Domínguez abordará neste foro o benestar das vacas leiteiras, ao tempo que reflexionará sobre se a produción ecolóxica constitúe unha alternativa ao respecto. O gando vacún tamén será obxecto das charlas de Marcos Fernández Vilela, quen achegará datos respecto da incidencia do vacún de carne ao cambio climático en Galicia, e de David García Dios, quen baixo o título ‘Intrusos na panza’, achegará ao público aos parasitos dixestivos que afectan a ruminantes silvestres e domésticos.

Xa de volta ao monte, Lara Rouco Méndez guiará unha viaxe pola industria forestal a través do faladoiro ‘A cor do papel’. A importancia dos refugallos da comida que a diario deixamos no prato cando se trata de comer peixe será o obxecto da charla ‘Esqueletos a escena!’, a cargo de Ana Manuela de Azevedo.

Saskia Camile Flament Simon trasladará o foco da sesión ao ámbito do ensino e das ciencias sociais a través do faladoiro ‘Proposta para aprender facendo en Bioloxía no Bacharelato’, unha intervención á que sucederá outra dunha área temática afín ás ciencias sociais, a cargo de Tamara López Fernández, que pechará o DivulgaTerra 2021 co faladoiro ‘Chamábanlles “incorrixibles”. O Tribunal Tutelar de Menores de Lugo no franquismo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2021.