Entregadas as axudas á investigación da Asociación Española contra o Cancro

A Xunta Provincial de A Coruña da Asociación Española contra o Cancro (AECC) entregou este luns as súas axudas á investigación oncolóxica e que recoñecen, entre outros, o traballo investigador que están a levar a cabo na USC Valentina González, Miguel Vázquez, Elena Moya e Pablo Balado. En total, outórgaselle financiamento a trece iniciativas que suman case un millón de euros e que tamén distinguen os grupos liderados por María de la Fuente e Clotilde Costa no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) no que tamén toma parte a USC. Estíbaliz Díaz do IDIS tamén recibiu unha axuda predoutoral.
Valentina González do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) recibiu unha axuda predoutoral dotada con 88.000 euros. Esta investigadora aborda a neurobioloxía da caquexia asociada ao cancro e ás novas tendencias fisiopatolóxicas e terapéuticas. Pola súa parte, Miguel Vázquez do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) recibiu 20.000 euros ao abeiro da denominada ‘Axuda Ideas Semente’ para investigar sobre novos fármacos antitumorais dirixidos a estruturas non canónicas do ADN. Ademais, Elena Moya e Pablo Balado, tamén do CiMUS, foron recoñecidos na categoría destinada a estudantes universitarios para realizar prácticas de laboratorio. Estas axudas oscilan entre 1.200 e 3.700 euros, en función da súa duración.
IDIS
Pola súa parte, o IDIS no que toma parte a USC tamén foi distinguido coa axuda ‘Lab AECC’, dotada con 300.000 euros e coa que se lle outorga financiamento ao traballo desenvolvido por María de la Fuente, líder do grupo Nano-oncoloxía e Terapéutica Traslacional que acomete a creación de novos fármacos fronte á metástase. Doutra banda, Clotilde Costa, responsable da liña de investigación en cancro de mama de Oncomet, tamén do IDIS, recibiu 200.000 euros da ‘Axuda Investigador AECC’. Determinar as razóns polas que certos tratamentos deixan de ser efectivos co paso do tempo e identificar biomarcadores en sangue de pacientes con cancro de mama luminal metastásico é a liña de traballo desta científica. Estíbaliz Díaz do IDIS tamén recibiu outra das axudas predoutorais.
O reitor Antonio López aproveitou a súa intervención no acto para poñer en valor o talento investigador da USC. “A pandemia puxo de manifesto que a solución dos problemas ten que vir da man da investigación, ese é o futuro” dixo Antonio López para despois agradecer “o esforzo que fai a asociación, que é a maior aposta privada que hai pola investigación no noso país. Moitas grazas por poñer eses recursos enriba da mesa”. Xunto a el, tomaron parte na sesión o presidente provincial da Asociación, Manuel Aguilar; Carlos Lamora, vicepresidente da Xunta da AECC que outorga as axudas; o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Fernández-Campa; os xefes dos Servizos de Oncoloxía do CHUS e do CHUAC, Rafael López e Rosario García Campelo, respectivamente; así como o subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía da área sanitaria de Ferrol, Juan González Lorenzo.
Outros premios
Ana Vega, da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (FPGMX), recibiu unha ‘Axuda Proxectos Estratéxicos AECC’, de 150.000 euros, coa que estudará por que cada paciente presenta distinta tolerancia aos tratamentos de radioterapia para adecuar a dose de tratamento recibida e mitigar os efectos adversos. Andrea Rodríguez, do Instituto de Investigación Biomédica de A Coruña, recibiu unha axuda predoutoral; mentres que a oncóloga do Chuac, Nieves Martínez, foi distinguida coa ‘Axuda Clínico Formación’. Finalmente, Lucía Lomba e Anahir Franco da UDC, e Lía Jove do Inibic tamén foron recoñecidas coas axudas para realizar prácticas de laboratorio.
