Pasar al contenido principal

Entregados os premios BioArgos21 e Join TFG/TFM

Foto de familia con parte dos e das premiadas. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia con parte dos e das premiadas. FOTO: Santi Alvite
Os dous programas impulsados ao abeiro da incubadora de alta tecnoloxía BioIncubaTech repartiron preto de 10.000 euros en premios
Santiago de Compostela

A oitava edición do programa Bioargos21 e de Join TFG/TFM, iniciativas da incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias, BioIncubaTech, celebrou este xoves a súa entrega de galardóns no Colexio de Fonseca. BioIncubaTech está liderada pola USC a través da área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE).

En Bioargos21, na categoría de proxecto biotecnolóxico aplicado ás tecnoloxías agroalimentarias, resultou vencedor o proxecto ‘CastSamos’, defendido polo equipo formado por Saúl Sánchez Freire, Lara  Deprada Fernández e Manuel Martínez Vázquez. A súa idea está baseada nunha cooperativa agraria lucense de colleita e venda de castañas, involucrando á mocidade da zona na recuperación dos castiñeiros autóctonos e a transformación do froito en subproductos como bebida vexetal ou fariñas, fomentando a recuperación e o asentamento do rural galego, ademais de favorecer a economía da zona e a prevención de incendios.

Na categoría de proxecto biotecnolóxico aplicado á saúde, resultou vencedor o proxecto ‘Foams  for  Bone: Cirurxías para a rexeneración ósea’, defendido polo equipo formado por Víctor Santos Rosales, Javier  Pegito Pérez e Clara Ruiz Fernández. O proxecto, patentado pola USC, versa sobre o desenvolvemento dunha nova tecnoloxía de fabricación e esterilización de enxertos óseos sintéticos, materiais e procedementos que xa teñen na actualidade unha alta demanda, e conta con altas vantaxes competitivas sobre as solucións que actualmente se atopan no mercado. A presente convocatoria repartiu 6.000 euros entre os vencedores de cada categoría.

Join TFG/TFM

Pola súa parte, Join TFG/TFM, premiou na categoría de proxectos de tecnoloxías agroalimentarias, a Aitor García Roldán cun proxecto que desenvolve un dispositivo  miniaturizado baseado en ADN e transistores de  grafeno para a análise de autenticidade de viños D.O. Porto e  Douro. Santiago Docampo  Hortas recibiu o segundo premio e María Nerea Fernández Canto, o terceiro galardón da categoría.

Na categoría de proxectos de tecnoloxías da saúde, premiou a Jacobo  Fiaño  Salinas cun proxecto que desenvolve unha aplicación para decidir o receptor máis adecuado nun transplante de ril. O segundo premio foi para Daniel Conde Torres e o terceiro para Manuel Somoza Costa. Join TFG/TFM repartiu 3.600 euros en premios.

No acto de entrega tomaron parte Víctor Arce, vicerreitor de Estudantes e Proxección Internacional da USC; Verónica Castelo Liñares, técnico de innovación da Axencia Galega de Innovación; Mª Dolores Candedo Gunturiz, adxunta ao reitor da UDC para a Coordinación e Relacións Institucionais; e Julio Martínez, Projet Manager de Bioga.

A AVTE lidera esta iniciativa xunto coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e UNINOVA, e coa participación da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Neste sentido, BioIncubaTech é unha das iniciativas que está incluída dentro da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía que a Xunta de Galicia puxo en marcha para o período 2021-2025. Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional-FEDER dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 PO Proxecto "Incubadoras de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ás micropemes Fundación INCYDE".

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.11.2021.