Pasar al contenido principal

Analizan os impactos e riscos na costa galega vinculados ao cambio climático

O convenio contempla a construción dun Visor de cambio climático que facilite a consulta de riscos asociados a esta variación global do clima da Terra. FOTO: Santi Alvite
O convenio contempla a construción dun Visor de cambio climático que facilite a consulta de riscos asociados a esta variación global do clima da Terra. FOTO: Santi Alvite
USC, UDC e UVigo asinaron un convenio de colaboración coa Xunta que busca aumentar a resiliencia da costa de Galicia
Santiago de Compostela

As tres universidades galegas e a Fundación da Universidade da Coruña (FUAC) presentaron este luns un convenio de colaboración coa Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia para analizar os impactos e riscos na costa galega vinculados ao cambio climático. A USC a través de ECO-IURIS, grupo de investigación de economía ambiental e xestión dende 2014, acomete a parte do estudo centrada en como afecta o cambio climático aos ecosistemas costeiros galegos. A finalidade deste traballo conxunto é aumentar a resiliencia da costa de Galicia, o que implica “dispor de información de detalle acerca de recursos, instalacións, usos do territorio e actividades”, tal e como evidencia o texto do convenio.

O obxectivo deste acordo é o desenvolvemento e aplicación dunha metodoloxía propia para a análise e avaliación dos impactos do cambio climático na costa de Galicia e a avaliación dos riscos asociados. Así, poñerase o foco nos riscos derivados dos cambios no réxime de ondada, da subida do nivel do mar, o aumento da temperatura e a salinidade das augas, a erosión e os cambios morfolóxicos nos estuarios. Neste senso, contribuirase á mellora dos servizos públicos mediante a elaboración de mapas de perigo fronte a riscos derivados do cambio climático, como inundacións e erosión, en toda a costa galega, para diferentes horizontes temporais e ante diferentes escenarios. O convenio contempla a construción dun Visor de cambio climático que facilite a consulta de riscos asociados a esta variación global do clima da Terra.

O reitor Antonio López destacou que o proxecto que se impulsou este luns é “de Galicia para Galicia”, ao ter en conta a singularidade das rías galegas, e agradeceu a oportunidade de transferir o coñecemento das universidades para solucionar os problemas da sociedade. Xunto ao reitor da USC, tomaron parte no acto protocolario de sinatura Julio Abalde, reitor da UDC; Manuel Reigosa, reitor da UVigo; Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda; José María Barja, presidente da FUAC; Juan José Gómez-Reino, director xerente da FUAC; Sagrario Pérez, directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático; e María Luz Macho, subdirectora xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático.

A conselleira subliñou que esta “valiosa información” permitirá á Comunidade detectar os posibles efectos do cambio climático en praias e estuarios, especialmente nos dous quilómetros cara ao interior, ao identificar as infraestruturas e edificacións que se poden ver afectadas, así como os posibles impactos sobre os espazos naturais localizados nesta franxa, e sobre todo valorar economicamente os riscos. O convenio de colaboración prevé un investimento de 192.600 euros ata finais de 2022.

Grupo de referencia

ECO-IURIS é un grupo de referencia na valoración dos activos naturais e o custo da súa posible perda por efectos antropoxénicos, entre os que se inclúen os efectos do cambio climático. Son autores de numerosos traballos de referencia neste ámbito e achegan o seu coñecemento e experiencia sobre a análise e avaliación de riscos para os ecosistemas costeiros e para os distintos grupos de servizos ecosistémicos: Servizos de Abastecemento (provisión), Regulación e Servizos Culturais. Os investigadores da USC que toman parte neste proxecto son María Loureiro, Xosé Antón Rodríguez e Fidel Martínez Roget.

O reitor Antonio López destacou que o proxecto que se impulsou este luns é “de Galicia para Galicia”. FOTO: Xunta
O reitor Antonio López destacou que o proxecto que se impulsou este luns é “de Galicia para Galicia”. FOTO: Xunta
Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.12.2021.