O CiTIUS lanza ‘Mentes Singulares’, un novo videopodcast multiplataforma

O Centro de investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) despide o ano 2021 apostando por un novo formato de comunicación, producido na súa totalidade polo centro. Trátase do videopodcast ‘Mentes singulares’, un novo espazo de opinión, debate e divulgación que nace co obxectivo de impulsar as voces da comunidade científica no ámbito das tecnoloxías intelixentes. O podcast viu a luz recentemente cun primeiro programa sobre supercomputación con Mateo Valero, fundador e director do Barcelona Supercomputing Center (BSCC-CNS) e un dos investigadores máis reputados a nivel internacional no ámbito da computación de altas prestacións.
“Trátase dun formato que ano tras ano vai adquirindo máis e máis relevancia nas canles dixitais”, afirman os seus creadores. A innovadora proposta xorde como parte dun proceso de transformación e renovación co que o CiTIUS pretende adaptarse aos novos formatos e medios dixitais. “Cremos que era o momento de apostar por unha imaxe máis coherente co contexto actual, dominado polas narrativas transmedia e a linguaxe dixital”, explican dende a dirección do centro de investigación da USC.
Información, reflexión e debate
‘Mentes Singulares’ non afrontará unicamente o reto de entreter ao público interesado nas diferentes temáticas que se debaterán ao longo da temporada —intelixencia artificial, deseño microelectrónico, ou realidade aumentada, entre outros—, senón que aspira a converterse tamén nun altofalante de prestixio para a comunidade científica. Para logralo, tomará como punto de partida cuestións de máxima actualidade relacionadas con distintos labores de investigación actualmente activos no CiTIUS.
Cunha duración aproximada de entre 45 e 60 minutos, cada programa reunirá rostros do centro xunto a persoas convidadas do mundo da ciencia, as letras, a cultura ou o a empresa. Os programas organizaranse ao redor de temáticas de interese relacionadas coas capacidades e proxectos que se están a desenvolver no CiTIUS como a aprendizaxe automática, a computación avanzada ou e-Saúde, entre outros; e darán pé ao debate e á reflexión sobre cuestións de actualidade de alto interese social.
Para facilitar o acceso a os contidos e favorecer a versatilidade ante os usuarios, ‘Mentes Singulares’ foi concibido como un produto multicanle, polo que pode seguirse tanto dende a súa plataforma orixinal de vídeo (Youtube) como a través das principais plataformas de consumo de podcasts (Spotify, TuneIn, iVoox, Google Podcasts e Apple podcasts).