Pasar al contenido principal

Preto de 800 estudantes internacionais de dezaoito países, atraídos pola oferta de mestrado da USC

A USC conta na actualidade cun total de 50 programas de mestrado agrupados en cinco áreas de coñecemento nos que están matriculados no presente curso académico 1.008 persoas, das que 198 son de procedencia internacional. FOTO: Santi Alvite
A USC conta na actualidade cun total de 50 programas de mestrado agrupados en cinco áreas de coñecemento nos que están matriculados no presente curso académico 1.008 persoas, das que 198 son de procedencia internacional. FOTO: Santi Alvite
Un evento en liña organizado polo Servizo de Captación Internacional coa participación de 50 coordinadores de programas de máster consolida o transvase a iniciativas dixitais propiciado polo contexto pandémico
Lugo, Santiago de Compostela

O Servizo de Captación Internacional, adscrito á Vicerreitoría de Titulacións e Captación Internacional, celebrou unha xornada de portas abertas en liña, de catro días de duración, para presentar a oferta académica de mestrado da USC ante o público iberoamericano. Preto de oitocentos estudantes internacionais procedentes, maioritariamente, de Arxentina, Colombia, Ecuador, México e Perú tomaron parte na iniciativa.  

“Dende o Servicio de Captación Internacional estamos a traballar nun transvase ao dixital dos eventos motivado polo contexto pandémico. Na etapa precovid asistiamos a feiras de captación presenciais e deseñabamos campañas de márketing específicas para atraer o alumnado. As novas circunstancias promoveron a creación, deseño e implementación destes novos formatos en liña para dar a coñecer a oferta académica da USC no estranxeiro, que están a suscitar moito interese”, salientou a vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso.

Presentación por áreas de coñecemento

O obxectivo primordial deste evento era facilitar información sobre os diferentes mestrados ofertados nas áreas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias da Saúde e Ciencias e Enxeñaría. Nesta iniciativa participaron os coordinadores dos programas para presentar a oferta e centrarse noutros aspectos como os medios académicos e científicos, proceso de matrícula e requirimentos ou duración e custo dos programas.

Na parte final do seminario as integrantes do Centro de Benvida Internacional resolveron dúbidas sobre o acceso aos programas, trámites administrativos na USC, así coma cuestións relativas á súa estadía. A USC conta na actualidade cun total de 50 programas de mestrado agrupados en cinco áreas de coñecemento nos que están matriculadas no presente curso académico 1.008 persoas, das que 198 son de procedencia internacional. Con anterioridade, a primeira experiencia piloto deste tipo foi un evento especificamente centrado na oferta de doutoramento e que se desenvolveu o curso pasado cun alto índice de participación de alumnado estranxeiro.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.02.2022.