Pasar al contenido principal

A USC asina a declaración do Grupo Compostela de Universidades para condenar as accións militares rusas en Ucraína

A USC súmase ás declaracións de condena do ataque ruso a Ucraína. FOTO: Santi Alvite
A USC súmase ás declaracións de condena do ataque ruso a Ucraína. FOTO: Santi Alvite
Crue Universidades Españolas difundiu tamén un comunicado no que solicita “afianzar e protexer a relación coa comunidade científica” deste país
Lugo, Santiago de Compostela

O Grupo Compostela de Universidades no que toma parte a USC acaba de publicar unha declaración de condena das accións militares rusas en Ucraína. A institución compostelá asina este documento contra “a agresión  maliciosa sen precedentes da Federación Rusa contra a integridade territorial doutro país independente, que constitúe unha grave violación do dereito internacional”.

“Desexamos expresar a nosa solidariedade co pobo ucraíno e especialmente cos nosos colegas universitarios, amigos, familias e os seus estudantes, xa que compartimos a amargura de todas as nacións pacíficas por unha inaceptable falta de respecto e un bárbaro ataque contra os valores máis fundamentais do mundo civilizado”, afirma a declaración. O texto reclama unidade “para alzar continuamente a nosa voz a favor do respecto mutuo, a dignidade humana, as solucións pacíficas e a futura cooperación con quen a merece: aqueles que respectan a orde xurídica internacional universalmente establecida”.

CRUE

Pola súa parte, Crue Universidades Españolas, xunto coa Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE) e a Federación de Asociacións Científico Médicas (Facme), sumouse tamén “ao necesario apoio á poboación de Ucraína e á súa comunidade científica nesta dramática e inxustificada situación provocada pola invasión de Rusia dos seus territorios”.

“Estas institucións consideran a agresión rusa como un ataque aos valores da liberdade e a democracia, fundamentos da liberdade na investigación e das oportunidades de cooperación académica internacional”, continúa o texto que tamén solicita ao Goberno de España “afianzar e protexer a relación coa comunidade científica ucraína, así como a promoción de proxectos de investigación bilaterais e aqueles que implican o desenvolvemento e a explotación de infraestruturas científicas”. A CRUE, da que forma parte a USC, suxire ofrecer programas de acollida a investigadoras e investigadores ucraínos que se vexan forzados a abandonar o seu país.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.03.2022.