Pasar al contenido principal

Os orzamentos da USC para este ano ascenden a 274,96 millóns de euros

As contas aprobadas polo Consello de Goberno este mércores 25 por asentimento buscan garantir a estabilidade da institución, planificando con rigor as actuacións prioritarias e xestionando o gasto baixo o principio de prudencia. FOTO: Santi Alvite
As contas aprobadas polo Consello de Goberno este mércores 25 por asentimento buscan garantir a estabilidade da institución, planificando con rigor as actuacións prioritarias e xestionando o gasto baixo o principio de prudencia. FOTO: Santi Alvite
O relevo xeracional planificado e a loita contra a precariedade son os eixos sobre os que pivota a Oferta de Emprego Público da USC para o ano 2022, a máis ambiciosa dos últimos anos ao estar dotada de preto de 400 prazas entre PDI, PAS e persoal investigador
Lugo, Santiago de Compostela

Os orzamentos da USC para 2022 ascenden a 274,96 millóns de euros. As contas aprobadas polo Consello de Goberno este mércores 25 por asentimento buscan garantir a estabilidade da institución, planificando con rigor as actuacións prioritarias e xestionando o gasto baixo o principio de prudencia. Tal e como recolle o documento, “a contención e o rigor na xestión das contas permitiu un cambio de tendencia ao reducir o déficit de financiamento acumulado que se viña incrementando nos últimos anos, tendencia que a institución debe manter para garantir a viabilidade en contextos de adversidade”. Tal e como explicou o xerente da USC, Javier Ferreira, a USC eríxese a través destas contas “na cuarta administración de Galicia” por volume de orzamentos logo da Xunta de Galicia e os concellos de A Coruña e Vigo.

Estas previsións, co obxecto de que se axusten á realidade da xestión orzamentaria, extráense tendo en conta a evolución da execución de anos anteriores. A mellora da técnica orzamentaria iniciada en 2019 —prevendo nas contas iniciais de ingresos e gastos actuacións que se manteñen dende exercicios anteriores—“está contribuíndo a un mellor axuste”. O obxectivo é que os orzamentos, “reflictan unha previsión de gastos e ingresos o máis axustada á realidade, permitindo así a súa fiscalización por parte da comunidade universitaria, o que redunda nunha xestión máis transparente”, matizou Javier Ferreira.

Estas contas son herdeiras dos exercicios desenvolvidos durante a xestión da pandemia por mor da COVID-19, ao respecto do cal un informe da Secretaría Xeral de Universidades destacou que “a realidade económica-financeira da USC non se veu afectada no seu resultado conxunto. O efecto nocivo asociado á caída de ingresos foi contrarrestada cunha actuación con dúas características relevantes: a eficacia, reflectida na actuación do Goberno da Comunidade Autónoma e as súas liñas de achegas ordinarias e extraordinarias; e a eficiencia, protagonizada neste caso pola propia institución universitaria, asentada na rapidez de toma de decisións e racionalización de gastos”.

Tendo en conta o principio de prudencia e ante o escenario económico actual, os orzamentos subliñan que a USC atópase nunha “situación de certa estabilidade orzamentaria, garantida polo novo plan de financiamento ata o ano 2026”. A isto súmase que a previsión do peche de contas de 2021 é de superávit e que “a contención e o rigor na xestión das contas permitiu un cambio de tendencia ao reducir o déficit de financiamento acumulado que se viña incrementando nos últimos anos, tendencia que a institución debe manter para garantir a viabilidade en contextos de adversidade”. Trátase duns orzamentos “elaborados con rigor e responsabilidade”, explicou o xerente Javier Ferreira, e sempre vinculados a unha base estratéxica de carácter plurianual recollida na Programación para o período 19-22, actualizada polo Claustro.

O documento aprobado desenvólvese en torno a tres liñas de carácter estratéxico, poñendo o foco na importancia das persoas, a investigación e na mellora da calidade da docencia, esta última de nova incorporación e co obxecto de mellorar de xeito progresivo a oferta académica. De carácter instrumental, completan o cadro tres liñas que apuntan á necesidade de contar cos medios necesarios, seguir avanzando na colaboración institucional e engade a transformación dixital.

Oferta de emprego público

O relevo xeracional planificado e a loita contra a precariedade son os eixos sobre os que pivota a Oferta de Emprego Público (OEP) da USC para o ano 2022, a máis ambiciosa dos últimos anos ao estar dotada de preto de 400 prazas entre PDI, PAS e persoal investigador. O documento ao que tamén deu luz verde o Consello de Goberno, contempla a adaptación da Universidade á reforma laboral aprobada polo executivo estatal a fins do ano pasado e que recoñece o dereito á estabilización do persoal temporal de longa duración, é dicir, aquel que ten unha relación laboral temporal ininterrompida dende antes do 1 de xaneiro de 2016.

A OEP é froito do acordo con todas as organizacións sindicais no marco da Mesa Xeral de Negociación da USC (PAS e PDI) e inclúe un total de  163 prazas de PDI, 121 de PAS e por primeira vez contémplanse 115 de Persoal Investigador que permitirán avanzar na estabilización e estruturalización deste colectivo. Deste xeito, a USC convértese na primeira universidades española cun plan para a estabilización do seu persoal investigador. Ademais, o ciclo que vai dende 2018 ata a publicación desta OEP defínese, en materia de xestión de recursos humanos, pola aposta na renovación, estabilización e promoción do persoal da institución. En total, estes catro anos abarcan a definición de máis de 1.200 prazas, entre PDI, persoal investigador e PAS, que atinxen ao 25% do cadro de persoal da USC.

En concreto, máis de 100 prazas das contempladas na OEP que se acaba de aprobar este mércores atinxen ao 20% do persoal investigador contratado. Neste senso, cómpre salientar que o obxectivo da institución compostelá pasa por lograr que, no prazo de dous anos, a contratación temporal se sitúe por debaixo do 8%, tal e como establece o novo marco normativo, consecuencia da reforma laboral.

As prazas de profesorado recollidas na OEP son resultado da modificación da Planificación de actuación en materia de PDI 2022, definida logo de coñecer as dispoñibilidades orzamentarias para a presente anualidade.

Outros asuntos

A aprobación da modificación do Regulamento de asignación de  cátedras a áreas de coñecemento foi outra das cuestións abordadas en materia de PDI. O órgano colexiado tamén tratou as designacións  de  representantes  do  Consello  de  Goberno  en  Institutos de  Investigación, Centros Singulares de Investigación e no Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA). Ademais aprobouse a designación de representante da USC no Padroado da Fundación KAERTOR.

A modificación do  Regulamento de Réxime Interno do  departamento de Química Orgánica, así como a creación  da  Sección  Departamental  de  Farmacia no seo do mesmo departamento foron outras das cuestións abordadas na sesión xunto coas  tarifas para o Animalario Experimental de Bioloxía.

A OEP é froito do acordo con todas as organizacións sindicais no marco da Mesa Xeral de Negociación da USC. FOTO: Santi Alvite
A OEP é froito do acordo con todas as organizacións sindicais no marco da Mesa Xeral de Negociación da USC. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.05.2022.