Pasar al contenido principal

USC e Concello de Santiago crearán un protocolo para mellorar a integración da comunidade universitaria e a cidade

De esquerda a dereita, Goretti Sanmartín, Antonio López, Javier Ferreira e Míriam Louzao
De esquerda a dereita, Goretti Sanmartín, Antonio López, Javier Ferreira e Míriam Louzao
As dúas institucións subscribirán antes do outono un acordo para os vindeiros anos que abranguerá, “a través dun cronograma realista e factible”, a calidade de vida da comunidade universitaria e a súa integración na cidade, a transferencia de coñecemento, así como urbanismo, espazo público e mobilidade
Santiago de Compostela

Unha comisión comezará a traballar de xeito inmediato na definición do protocolo que USC e Concello de Santiago subscribirán antes do outono e que rexerá as relacións entre as dúas institucións nos vindeiros catro anos. O devandito protocolo xirará arredor de tres eixos: a calidade de vida da comunidade universitaria e a súa integración na cidade, “co obxectivo de recuperar Compostela como cidade universitaria”; a transferencia de coñecemento; así como cuestións relativas a urbanismo, espazo público e mobilidade. Así o acordaron o reitor da USC, Antonio López, e a nova alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, na xuntanza que mantiveron este martes 20, no Pazo de Raxoi, na que tamén participaron o xerente da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Ferreira, e a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica e segunda tenenta de alcaldesa, Míriam Louzao.  

O acordo conformará, “a través dun cronograma realista e factible, un punto de inflexión para abordar a colaboración de xeito formalizado e coa profundidade e rigorosidade que require para convertela nunha alianza produtiva para ambas as institucións”. Así definiron reitor e alcaldesa esta nova sinerxía. Antonio López valorou moi positivamente que a USC sexa a primeira institución coa que se reúne a alcaldesa logo da súa toma de posesión. “Traballaremos e colaboraremos para facer cidade xa que ese tamén é o noso papel”, afirmou o reitor. Pola súa parte, a alcaldesa subliñou a súa vontade de manter unha “comunicación fluída e regular” coa USC xa que o vínculo entre Concello e Universidade é “unha alianza estratéxica”. 

A comunidade universitaria constitúena 22.000 estudantes da USC na cidade de Compostela e a institución alcanza os 3.500 postos de traballo, cifras que “inciden no funcionamento da cidade”, e no seo da cal, “nomeadamente o alumnado ten necesidades concretas de vivenda, mobilidade, servizos ou actividades de lecer, culturais ou sociais”, sinalou o reitor. O último convenio entre as dúas institucións databa do ano 2005 e caducou sen que se cumprisen todos os compromisos e sen renovarse, en ningún mandato, ata a actualidade. Neste protocolo tamén quedará establecida a composición do grupo de traballo que realizará o seguimento das accións establecidas. 

Calidade de vida

A acollida do alumnado a través dun evento estable de recepción a desenvolver cada outono é unha das liñas que conforman o apartado dirixido a mellorar a integración das persoas universitarias na cidade. As dúas institucións buscarán  fórmulas concretas para facilitar e promover a participación da comunidade da USC nos programas culturais e doutros ámbitos que mantén o Concello, así como da veciñanza en xeral no coñecemento do patrimonio universitario. A listaxe de eidos de actuación neste apartado complétanse con mobilidade ou vivenda.

Urbanismo, espazo público e mobilidade

O protocolo porá énfase na solución das necesidades e conservación do espazo público compartido polas dúas institucións xunto coa abordaxe de novas formas de mobilidade, máis acordes coas demandas actuais, e que dean resposta ás necesidades urbanísticas para o futuro da USC no contexto dunha cidade máis humana e sostible. 

Nesta liña, abordouse a intención de poñer un marcha unha serie de rutas ciclables para mellorar a conectividade entre os campus, ofrecendo un servizo de bicicletas eléctricas, así como "favorecer que haxa un mellor transporte colectivo" co fin de reducir o uso de automóbil e lograr "unha humanización maior da mobilidade no conxunto da cidade de Compostela, e de xeito especial, na relación entre os diferentes campus", sinalou a alcaldesa. 

O protocolo deberá tamén acometer o tema dos viarios e o seu estado, e achegará unha "solución definitiva aos temas que teñan que ver coa titularidade" co fin de que as zonas universitarias melloren tanto "dende o punto de vista da accesibilidade como do uso e goce para o conxunto da poboación de Compostela".

Transferencia

É fundamental, como se puxo de manifesto na xuntanza, que o coñecemento que xera a USC poida ser aproveitado para beneficio da cidade e se converta nun activo a disposición da mellora da calidade de vida da cidadanía en sentido amplo, da institución municipal e do tecido social e económico. Neste senso, definiranse áreas de interese, fórmulas prácticas de transferencia de coñecemento e vías concretas e accesibles que acheguen o coñecemento experto da USC ao tecido económico e social compostelán para a creación de novo emprego, o fortalecemento dos sectores económicos e a recuperación do talento emigrado. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.06.2023.