Pasar al contenido principal

Nace Re—USC, unha nova marca que combina reciclaxe con acción social

Responsables universitarios, da Fundación USC e da asociación Arraianas, xunto con parte das autoras das pezas. Foto: Santi Alvite
Responsables universitarios, da Fundación USC e da asociación Arraianas, xunto con parte das autoras das pezas. Foto: Santi Alvite
As pezas coas que arranca o proxecto elaboráronas mulleres migrantes da asociación Arraianas a partir de lonas de eventos da USC
Santiago de Compostela

A USC lanza a marca Re—USC, que arranca cun proxecto téxtil no que se lle dá un segundo uso a telas e lonas de exposicións e outras actividades universitarias elaborando bolsas/tote e mochilas.

Con Re—USC, a USC non só mostra un forte compromiso co medio ambiente, reciclando e reutilizando materiais, senón que tamén engade unha importante dimensión social, xa que o proxecto nesta ocasión conta coa entidade sen ánimo de lucro compostelá Arraianas. Esta asociación ten un obradoiro de costura no marco dun proxecto de integración social e foron as 12 mulleres migrantes que participan nel as encargadas de deseñar e confeccionar artesanalmente as pezas, nunha acción dirixida por Patricia Núñez, de ‘O faiado de Nin’.

O proxecto presentouse este venres na Tenda da Universidade nun acto no que participaron a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias; o xerente da Fundación USC, Óscar Hermida; Pilar Fernández, unha das responsables da Asociación Arraianas, e Diana Viveros, unha das autoras das pezas, quen manifestou estar “moi emocionada e agradecida á vida, á Universidade e á asociación por esta oportunidade”. “Ademais de poder facer o traballo de transformación téxtil, o primeiro que se deu foi a nosa transformación, poder levar mellor no día a día o exercicio de vida como persoa migrada”, dixo.

Precisamente esa vertente social do proxecto foi salientada pola vicerreitora, para quen neste proxecto converxen tres valores moi importantes: “a economía circular e outros dous que dan cumprimento a unha das misións da Universidade como son o compromiso social e o compromiso co tecido local”. Murias aproveitou ademais para  felicitar as mulleres que elaboraron o material “polo seu magnífico traballo, co que se lle dá unha segunda vida ao noso patrimonio efémero”.

Pola súa banda, Óscar Hermida puxo en valor a nova marca, “que achega sostibilidade e unha visión diferente, neste caso dende o ámbito máis local e a través do patrimonio académico, científico e cultural da Universidade”.

Crear pontes coas institucións para así conseguir mellorar os valores sociais é un dos obxectivos que consideran cumpridos con este proxecto dende a asociación Arraianas, “á vez que nos permite visibilizar o noso traballo pero tamén as capacidades das persoas coas que traballamos”, asegurou Pilar Fernández.

60 pezas únicas


Re—USC, marca deseñada polo técnico do Servizo de Reprografía da USC Alberto Rodríguez, bota a andar con 60 pezas únicas, elaboradas coas lonas cedidas pola Vicerreitoría de Cultura das exposicións ‘José Rodríguez. O matemático de Bermés’, ‘Deber de Baltar. Medicina e Compromiso’ e ‘Dona Emilia e Compostela’ así como da 
III Feira de Emprendedoras de Compostela 2021.

Os detalles do proxecto presentáronos (de esquerda a dereita) Diana Viveros, Pilar Murias, Pilar Fernández e Óscar Hermida. Foto: Santi Alvite
Os detalles do proxecto presentáronos (de esquerda a dereita) Diana Viveros, Pilar Murias, Pilar Fernández e Óscar Hermida. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.07.2025.