Pasar al contenido principal

O ICE lidera a formación docente para o uso de laboratorios virtuais na aula de ciencias no marco dun proxecto europeo

Os materiais didácticos fan especial énfase na inclusión e na fenda de xénero. Foto: Santi Alvite
Os materiais didácticos fan especial énfase na inclusión e na fenda de xénero. Foto: Santi Alvite
Os materiais didácticos fan especial énfase na inclusión e na fenda de xénero
Santiago de Compostela

O equipo de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago, baixo a coordinación da investigadora do Instituto de Ciencias da Educación e profesora da USC Blanca Puig, forma parte do proxecto europeo VHEalthLab ‘Creation of open Access virtual laboratories for the STEM: Biology and Health Sciences’ cuxo principal obxectivo é promover o uso de laboratorios virtuais (VLs) no ámbito educativo, especialmente nas áreas STEM.

Xunto co equipo da USC traballa a investigadora predoutoral Aurea Cadarso Rodríguez, encargada de labores de investigación que afectarán a posta en marcha destes laboratorios virtuais en aulas de ciencias de distintos países de Europa.

No marco do proxecto, o equipo da USC en coordinación coa UNIC de Chipre lideran o desenvolvemento dunha guía didáctica e tres módulos formativos dirixidos tanto a futuros docentes como a docentes en activo. Estes materiais ofrecen estratexias para implementar a plataforma de VHEalthLab e os laboratorios virtuais na aula baixo un enfoque pedagóxico de aprendizaxe baseado na indagación (IBL). Abórdanse tres posibles escenarios de uso dos laboratorios virtuais: traballo en grupo, traballo individual ao seu propio ritmo e uso remoto, o que permite adaptarse a diversas realidades educativas.

Ademais, un dos pilares fundamentais deste proxecto europeo é a inclusión educativa, unha das prioridades transversais da convocatoria europea. Por iso, a guía inclúe orientacións específicas sobre como adaptar o uso do VL para estudantes con necesidades educativas especiais, ou que non poden asistir de maneira presencial ou que non son falantes nativos do idioma. Así mesmo, inclúe un apartado específico sobre a presenza de mulleres en STEM, orientado a visibilizar e reducir a fenda de xénero.

A posta en marcha piloto do laboratorio virtual e dos materiais deseñados pola USC xa foi realizada con éxito no Mestrado de Formación do Profesorado da USC, especialidade de Ciencias Experimentais, durante o pasado mes de xuño. Do mesmo xeito están a proceder en centros educativos de Chipre, Grecia e Romanía.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.07.2025.