Pasar al contenido principal

Referentes mundiais en medicina clínica daranse cita en Santiago nun congreso internacional

Estudantes participando nun obradoiro de suturas organizado por CoMeF
Estudantes participando nun obradoiro de suturas organizado por CoMeF
Organizada pola asociación estudantil Comunidade Médica en Formación (CoMeF)
Santiago de Compostela

Baixo o lema ‘Formar hoxe ao médico do mañá’, a asociación estudantil Comunidade Médica en Formación (CoMeF) organiza os días 3 e 4 de outubro na Cidade da Cultura o Congreso Internacional de Medicina Clínica (CIMEC).

O evento preséntase como un espazo de encontro entre persoal profesional consolidado e novas xeracións, onde a aprendizaxe práctica e a innovación son protagonistas. Reunirá entre 600 e 700 estudantes, médicos e médicas internas residentes e profesionais sanitarios de todo o país, xunto a persoal experto nacional e internacional de referencia, para debater sobre os principais retos da medicina clínica actual.

O programa dará comezo ás 9.30 horas co acto inaugural, tras o que intervirá Mariano Barbacid, un dos maiores expertos en investigación oncolóxica e ex director do CNIO. Esa mañá tamén haberá os relatorios do endocrinólogo líder en terapias hormonais Manel Puig e do cardiólogo Josep Brugada, especialista en arritmias e descubridor dunha enfermidade causante da morte súbita cardíaca que hoxe leva o seu nome.

Xa na tarde do venres 3 intervirán o especialista en Medicina Interna e Hepatoloxía e director de Medicina Interna na Clínica Universidade de Navarra, Jorge Quiroga, e a experta en medicina deportiva e vicepresidenta primeira do Colexio Oficial de Médicos de Valladolid, Raquel Blasco;

A sesión so sábado comezará coa intervención do catedrático da USC e referencia no eido da xenética en todo o mundo, Ángel Carracedo, e continuará con Verónica Casado, especialista en Medicina de Familia e primeira española recoñecida como ‘Mellor Médico de Familia do Mundo’; Miguel Sanmamed, investigador emerxente líder do grupo de investigación de inmunoterapia da Universidade de Navarra); Michel Kahaleh, xefe de gastroenteroloxía nun hospital de New Jersey (EEUU); e Magda Campins, que foi presidenta do Comité Científico Asesor da COVID-19 en Cataluña.

Ademais, haberá obradoiros prácticos e hands-on en ámbitos como ecografía clínica, RCP e urxencias, comunicación de malas noticias, manexo de vías aéreas ou simulación clínica, e sesións científicas con comunicacións orais e pósteres, abertas a estudantes e residentes, con premios aos mellores traballos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.09.2025.