O proxecto CAPRIF-CC profunda na Estación Científica do Courel no ecoturismo e no desenvolvemento rural

O proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC) desenvolve na Estación Científica do Courel (Seoane do Courel - Folgoso do Courel) ata o 4 de outubro as Xornadas técnicas ‘Ecoturismo no Courel: experiencias e reflexións para o desenvolvemento rural’. Estas xornadas, que foran adiadas no mes de agosto por mor da vaga de incendios, reúnen preto dunha vintena de especialistas en áreas como o ecoturismo e o turismo na natureza, a xestión do territorio, o desenvolvemento rural e a investigación científica.
O obxectivo é divulgar os traballos realizados polo proxecto CAPRIF-CC, fomentar o coñecemento e o intercambio de experiencias e casos de éxito en proxectos de ecoturismo que poidan servir de exemplo ás empresas locais e abrir un proceso de debate sobre as posibilidades e oportunidades de desenvolvemento do territorio desde o ecoturismo. Na sesión de apertura que tivo lugar este xoves 2 participou o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga.
Estas xornadas técnicas forman parte das liñas de actuación do proxecto CAPRIF-CC, impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnológico y Forestal de la Madera (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Fundación Montescola, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos NextGenerationEU.