Pasar al contenido principal

O Estudantado de Filosofía convida a reflexionar o 20N sobre os 50 anos da morte de Franco

O debate será ás 18.00 horas en Filosofía. Foto: Santi Alvite
O debate será ás 18.00 horas en Filosofía. Foto: Santi Alvite
Nun debate aberto a toda a comunidade universitaria co que comeza o ciclo ‘Franco Morreu. Ou non? 50 anos despois: lembrar para comprender’
Santiago de Compostela

O xoves 20 de novembro, data na que se compren 50 anos da morte de Francisco Franco, un grupo de estudantes de Filosofía convoca a toda a comunidade universitaria a acudir á Facultade a reflexionar, expor as súas dúbidas e falar en conxunto “sobre o que aconteceu e a sombra que aínda ameaza”.

A partir das preguntas Que ocorreu realmente durante os 36 anos que precederon esa data?, Descoñece a xuventude aquela etapa? Cal é o prezo do esquecemento? o estudantado organizou o ciclo ‘Franco Morreu. Ou non? 50 anos despois: lembrar para comprender’ que dá comezo o propio 20N coa conferencia ‘A historia da ditadura (1939-1977) precisa dun novo relato: da memoria das vítimas á memoria dos verdugos’ a cargo do catedrático da USC Lourenzo Fernández Prieto e debate aberto posterior con todas as persoas asistentes. Será ás 18.00 horas no Salón de Actos da Facultade e a organización ten aberta unha canle para poder ir enviando as dúbidas e comentarios para debater e compartir ese día a través do código QR do cartel.

No mesmo acto darase conta do resto de actividades do ciclo, que proseguirán o día 27 coa mesa redonda ‘Corpo, memoria e represión: o franquismo dende unha perspectiva de xénero’ na que intervirán Beatriz Busto Miramontes, profesora de Antropoloxía da USC; a doutoranda Elena Gutiérrez Díaz; e Laura Muñoz Encinar, arqueóloga e antropóloga forense do Incipit (CSIC).

Xa en decembro, están programadas outras dúas actividades. Por unha banda, o día 4 ás 17.30 horas haberá o debate ‘Desenterrando o franquismo: diálogos entre a filosofía e a historia’ coa participación de, entre outras, a arqueóloga e antropóloga forense do Incipit Miriam Saqqa Carazo, o arqueólogo e filósofo do mesmo instituto Rafael Millán Pascual e o profesor da Facultade de Xeografía e Historia Mario César Vila. ‘Memoria e resistencia: o movemento obreiro na Galiza durante o franquismo’ é o título da mesa que se desenvolverá o 11 de decembro ás 19.00 horas e no que se proxectará o documental 10 de marzo de 1972. Que ocorreu e como nolo contaron.

Ciclo de cine

Entre as actividades contémplase ademais un ciclo de cine para o que xa están programadas as proxeccións de Canciones para después de una guerra, de Basilio Martín Patino (1976) o día 26 de novembro ás 18.00 horas, e ⁠Embajadores en el infierno, de  José María Forqué (1956) o 3 de decembro ás 18.00 horas.
 

Cartel do ciclo 'Franco morreu'
Cartel do ciclo 'Franco morreu'
Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.11.2025.