Presentan a Cátedra USC–Televés de Microelectrónica, o proxecto que impulsa Galicia cara ao futuro europeo do chip
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) celebrou hoxe no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia a presentación oficial da Cátedra USC–Televés de Microelectrónica, unha iniciativa estratéxica que acumula xa meses de actividade e que xorde no marco do PERTE Chip, o programa estatal destinado a reforzar a autonomía europea en microelectrónica e semicondutores. A cátedra está liderada cientificamente desde o CiTIUS da USC, o centro de investigación que promove o proxecto e asume a súa dirección científica baixo a supervisión de Paula López Martínez, investigadora vinculada e directora adxunta do centro.
O acto, que presidiu o reitor Antonio López, congregou diferentes representantes do sector público e privado: os responsables de execución do proxecto, a propia Paula López e o director executivo (CEO) da Corporación Televés, Gonzalo Redondo; o director de Desenvolvemento de Negocio da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT), José María García Orois; e a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, entre outros representantes do ecosistema científico e tecnolóxico galego.
Durante o acto, o reitor da USC, Antonio López, destacou o papel da universidade como motor de innovación e talento, subliñando a relevancia desta alianza estratéxica para Galicia. «As universidades temos que ofrecer formación e xerar coñecemento pero este debe ser útil, o que significa ser transferible co fin último de mellorar as nosas vidas», dixo, «e na Universidade de Santiago levamos décadas traballando nisto. O acto de hoxe é unha boa mostra deste compromiso, apoiado pola iniciativa privada».
Un lugar no mundo (... dos microchips)
A Cátedra USC–Televés de Microelectrónica, nace co obxectivo de situar Galicia nunha posición destacada dentro do ecosistema europeo de deseño microelectrónico. O proxecto aborda liñas de traballo relacionadas co deseño de chips en áreas clave: chips de radiofrecuencia, computación cuántica, fotónica integrada, computación no bordo (‘edge computing’), arquitecturas avanzadas para intelixencia artificial e o desenvolvemento de novos semicondutores para comunicacións e sistemas de alta eficiencia.
Coordinada desde o CiTIUS (un centro co financiado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021–2027), a Cátedra non só integra persoal investigador do centro, senón tamén outros centros de investigación da USC como o CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o IGFAE (Instituto Galego de Fïsica de Altas Enerxías) e o iMATUS (Instituto de Materiais), ademais do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e o INL de Braga (Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía Ibérica), conformando así un ecosistema científico capaz de abordar desafíos de fronteira en microelectrónica.
Acelerar o talento e a innovación
No seu discurso de agradecemento, a responsable científica do proxecto, Paula López Martínez, explicou que esta cátedra «busca promover a investigación, formación e transferencia nestas áreas cruciais, dando resposta así á crecente preocupación pola soberanía dixital de Europa no sector da microelectrónica e semicondutores». Insistiu en que este obxectivo abórdase «contando co soporte indispensable de Televés», cuxa colaboración cualificou como «crucial, tanto á hora de afrontar os retos tecnolóxicos como na transferencia de coñecemento á sociedade».
Respecto ás liñas de investigación recollidas na cátedra, explicou que estas céntranse «no deseño de chips, en particular na súa orientación e aplicación a novos paradigmas de computación, como a computación no bordo» (‘edge computing’), «a computación en memoria e a computación cuántica, así como ao deseño de chips de RF» (radiofrecuencia) «de nova xeración». Engadiu que esta actividade «se vai acompañar de investigación de vangarda nunha serie de tecnoloxías clave», entre as que salientou «o desenvolvemento de novos dispositivos semicondutores para elementos de memoria, dispositivos nanoelectrónicos para 5G e IoT» (Internet das Cousas) «e dispositivos fotónicos integrados para comunicacións opto–cuánticas».
Así mesmo, subliñou que «ademais da transferencia de coñecemento entre a industria e o ámbito académico», a cátedra ten como un dos seus obxectivos fundamentais a formación, «tanto regrada como non regrada». Un eixo no marco do cal «xa temos posto en marcha unha Escola de Verán anual, 7 novas microcredenciais, 3 diplomas expertos e un Máster en Microelectrónica, ademais doutras actuacións formativas puntuais».
Pola súa banda, o director executivo (CEO) da Corporación Televés, Gonzalo Redondo, celebrou a colaboración entre industria e universidade e valorizou o proxecto como unha oportunidade para reforzar a competitividade tecnolóxica desde Galicia. Na súa intervención, fixo un percorrido polos 67 anos de Televés, «unha grande empresa familiar cuxo crecemento pasa pola microelectrónica», a felicitouse pola creación desta Cátedra «que sen dúbida vai contribuír á transferencia de coñecemento da Universidade de Santiago, que demostra entender e atender así as demandas da sociedade».
Avalada polo PERTE Chip
En representación do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, José María García Orois, director da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT) incidiu no papel das universidades no desenvolvemento do PERTE Chip: «o Goberno sempre tivo claro que, sen a creación de talento e a investigación básica e fundamental que crean as universidades, o PERTE Chip non lograría o seu propósito», afirmou, lembrando que «grazas a esta convicción nacen as cátedras Chip».
Engadiu que a iniciativa da USC «destaca, ademais, pola dirección de mulleres, científicas moi relevantes, demostrando que este sector non ten por que ser maioritariamente masculino», e subliñou a súa orientación cara a «áreas de fronteira tan fundamentais como o edge computing, a fotónica e a cuántica, elementos claves no desenvolvemento da microelectrónica do mañá e nos cales hoxe definimos as estratexias dos desenvolvementos económicos por vir».
Finalmente, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, quixo valorar tamén o papel tractor desta iniciativa dentro da estratexia de innovación da Xunta. «A cátedra está moi vinculada ao que o panorama económico actual esixe: conseguir incorporar a innovación e o coñecemento, a tecnoloxía, á industria non tecnolóxica e aos seus procesos produtivos para facer aínda máis competitivas as nosas empresas», manifestou.
O acto concluíu cun encontro informal no claustro da Facultade de Xeografía e Historia, onde representantes de centros de investigación, empresas e administracións intercambiaron impresións sobre o papel que Galicia está chamada a desempeñar na futura cadea de valor europea do chip.