Pasar al contenido principal

Un concerto conmemorativo clausurará o luns a trixésima edición dos cursos de lingua e cultura galegas

Os cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ pecharán a súa edición 2017 cun acto o luns 24 a partir das 11.00 horas no Paraninfo da Universidade. O Instituto da Lingua Galega colabora na organización deste curso que organiza a Real Academia Galega co apoio da Deputación da Coruña e da Secretaria Xeral de Política Lingüística. No acto celebraranse os trinta anos de vida deste programa contando como convidado especial cun dos alumnos das primeiras edicións, o profesor xaponés Takekazu Asaka, embaixador da cultura galega no seu país, e cun concerto conmemorativo a cargo de dous compatriotas, a soprano Miho Haga e do pianista Yukiko Yamagami, que interpretarán poemas de autores galegos e cancións populares.

Takekazu Asaka intervirá na cerimonia xunto ao reitor Juan Viaño; o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes; o académico e co director dos cursos Xosé Luís Regueira; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; e o secretario do ILG, Francisco Dubert.

No acto entregaránselles os seus diplomas ás máis de 80 persoas procedentes dunha vintena de países de Europa, América, Asia e Oceanía que participan nesta edición. Dende a súa creación en 1988, polos cursos pasaron máis de 2.600 estudantes de todo o mundo. Nas súas aulas aprenderon galego moitas das persoas que hoxe verten a outros idiomas a literatura e referentes nos estudos galegos a nivel internacional como é o propio Takakazu Asaka, autor da primeira gramática galega para xaponeses e tradutor ao xaponés de Rosalía e outros autores das letras galegas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.07.2017.