Pasar al contenido principal

O galego gaña terreo nas aulas da USC

Case o 40% do estudantado asiste a clases nun centro en que o galego é a lingua maioritaria. Foto: Santi Alvite
Case o 40% do estudantado asiste a clases nun centro en que o galego é a lingua maioritaria. Foto: Santi Alvite
Segundo o último Informe sobre o uso do galego que elabora cada curso o Servizo de Normalización Lingüística, o idioma propio da Universidade de Santiago de Compostela chega xa ao 29,2% das horas docentes impartidas, a porcentaxe máis alta de toda a serie histórica
Lugo, Santiago de Compostela

O galego vai gañando terreo nas aulas e chega xa ao 29,2% das horas docentes impartidas, a porcentaxe máis alta de toda a serie histórica. Así o acredita o Servizo de Normalización Lingüística no seu Informe sobre o Uso do Galego correspondente ao último curso e que conclúe que o peso do galego medrou significativamente nos dous últimos cursos, rompendo coa estabilidade que caracterizaba o período anterior.

Tres grandes áreas de coñecemento empregan máis galego na docencia, ata convertelo en lingua principal ou moi relevante da actividade académica. E se no curso 2023-24 só 5 centros superaban o 50% de presenza do galego, neste son xa 10 os que franquearon esa liña simbólica. Esta evolución permite que neste momento case o 40% do estudantado da USC está asistindo a clases nun centro en que o galego é a lingua maioritaria da docencia.

Por campus, no de Lugo impártese o 39,3% das clases en galego, mentres que no de Santiago esta porcentaxe se sitúa no 27,4%. En suma, o incremento deste curso supón aumentar en máis de 20.000 as horas de docencia que se imparten en galego: un 19% máis ca no curso 2024-25.

Transparencia para tomar decisións

O Servizo de Normalización Lingüística analiza cada ano a información lingüística da USC e elabora informes que describen o peso do galego, do español e doutras linguas na actividade docente. Faino a través da programación que cada docente ten que elaborar a comezos de ano sobre as materias que vai impartir e nas que debe facer constar a lingua que vai empregar.

Toda esa información publícase no sitio web da Universidade antes de que comece o período de matrícula e supón un compromiso do profesorado para garantir os dereitos do estudantado, que emprega esa información para tomar decisións sobre o seu itinerario académico.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 24.11.2025.