Pasar al contenido principal

Novas pistas para seguir descifrando a Rosalía de Castro

Rosalía por Cardarelly. Santiago de Compostela na década dos 60 do século XIX. FOTO: Colección da RAG
Rosalía por Cardarelly. Santiago de Compostela na década dos 60 do século XIX. FOTO: Colección da RAG
A Cátedra institucional dedicada á figura da autora galega organiza na Facultade de Filoloxía, o 11 de decembro, unha xornada na que se revelarán novos detalles biográficos sobre os anos madrileños da escritora ou o papel que xogou como anfitrioa
Santiago de Compostela

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela impulsa a primeira xornada ‘Avances na biografía de Rosalía de Castro’, que se desenvolverá o vindeiro 11 de decembro na Facultade de Filoloxía. A iniciativa reunirá especialistas de referencia no campo dos estudos rosalianos para compartir novas perspectivas biográficas, algunhas delas inéditas, que permitirán seguir ampliando o coñecemento sobre a vida e o contexto cultural da escritora.

A xornada será inaugurada ás 9.30 horas polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo Costa, e polo decano do centro, Elias J. Feijó Torres, acompañados polas persoas responsables da coordinación da Cátedra, Fernando Cabo Aseguinolaza e María do Cebreiro Rábade.

O que falta por descubrir 

O primeiro eixo da xornada estará dedicado aos avances nos estudos biográficos. As intervencións achegarán información relevante sobre cuestións pouco exploradas da vida de Rosalía en Madrid, o seu papel como anfitrioa literaria. Na sesión da mañá Luis Miguel Fernández abrirá o panel co relatorio ‘Rosalía e os Lugín Castro en Madrid. 1856-1858’, no que presentará novos datos sobre unha etapa fundamental da vida da escritora. Xurxo Martínez afondará na historia do mausoleo de Rosalía e Miguel Anxo Seixas analizará o perfil da autora como anfitrioa nunha presentación que incluirá algunha curiosidade sobre receitarios de época.

A sesión de tarde, que comezará ás 16.00 horas, estará integramente dedicada ao Arquivo rosaliano de María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, custodiado pola Biblioteca da USC tras a doazón formalizada en 2024 por Xesús Alonso Montero, viúvo da investigadora. Este fondo, composto por preto de 500 volumes, cadernos de investigación, materiais inéditos e documentos transcendentais para descifrar a historia vital de Rosalía —entre eles, edicións valiosas, apuntamentos de arquivo ou referencias ao desaparecido artigo da escritora, El codio—, constitúe un dos recursos documentais máis relevantes para a investigación rosaliana das últimas décadas.

O profesor Xesús Alonso Montero, presentado pola profesora Dolores Vilavedra, ofrecerá a conferencia ‘Informe bibliográfico sobre o Arquivo rosaliano de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda’, na que achegará valiosas orientacións e claves de lectura para futuros estudos baseados neste legado. “A Ruiz de Ojeda debémoslle o esclarecemento de aspectos cruciais para a biografía de Rosalía como a relación coa súa nai, a súa vocación de actriz ou o testamento de José Martínez Viojo, pai biolóxico da escritora, que permitiu confirmar con rigor a filiación da autora e alumeou aspectos esenciais do seu contexto familiar, económico e social”, explican dende a organización do evento.

Esta xornada insírese na liña de traballo iniciada o pasado mes de abril co primeiro simposio ‘Vida, biografías, bioficcións de Rosalía de Castro’. A Cátedra mantén o compromiso de desenvolver de maneira bianual temas estratéxicos arredor da figura e da obra de Rosalía, prioritariamente aqueles relacionados coa súa biografía e cos avances documentais recentes.
 

Cartel do evento
Cartel do evento
Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.12.2025.