Pasar al contenido principal

Expertos da USC defenden un modelo de xestión costeira que implique as comunidades locais

O traspaso das competencias do litoral introduce novas metodoloxías no conxunto español e da Unión Europea
O traspaso das competencias do litoral introduce novas metodoloxías no conxunto español e da Unión Europea
O traspaso das competencias do litoral á comunidade introduce novas metodoloxías no conxunto español e da Unión Europea
Santiago de Compostela

Os catedráticos de Xeografía e Dereito Administrativo Rubén C. Lois González e Luis Míguez Macho, respectivamente, ambos membros do Consello Científico do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA), veñen de formular un conxunto de propostas para avanzar nun modelo galego de ordenación do litoral adaptado á realidade atlántica e aos múltiples usos que conflúen na costa, onde as administracións próximas e as comunidades locais estean implicadas.

A reflexión prodúcese nun momento clave tras a transferencia á Xunta de Galicia das competencias en materia de ordenación e xestión do litoral e no contexto da elaboración de innovacións lexislativas. “Galicia, xunto con País Vasco, está liderando as novas formulacións nesta materia. O caso da nosa comunidade é moi complicado, hai que poñer en orde un espazo rendible economicamente pero que respecte a actividade pesqueira e marisqueira”, sostén Rubén C. Lois.

A pasada semana, os dous investigadores participaron no foro europeo Luoghi (In)definiti organizado pola Universidade de Venecia, onde achegaron ideas sobre como garantir os dereitos de xestión comunal, que no caso de Galicia inclúen as actividades pesqueiras. Para Rubén C. Lois, a Lei de Costas de 1988 non responde ás necesidades actuais de Galicia, polo que “é agora cando se debe colaborar, de maneira interdisciplinar, no desenvolvemento legal da nova norma, coa función de competencias e que delimite as áreas de intervención”.

Na reunión científica internacional os profesores da USC transmitiron os resultados de varios dos seus traballos e foron convidados a manter a súa participación nunha rede de investigadores europeos. A Universidade de Venecia está a impulsar grupos de traballo e novas experiencias docentes de posgrao onde os membros do IDEGA están convidados a formar parte.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.12.2025.