Dúas décadas á vangarda da nanotecnoloxía con xermolo USC
No vixésimo primeiro cumio hispano-luso, que tivo lugar en Évora no ano 2005, o entón presidente do Goberno de España, José Luis Rodríguez Zapatero, e o primeiro ministro de Portugal, José Sócrates, acordaron o nacemento dun instituto de investigación de proxección internacional, que simbolizase a cooperación entre os dous países nesa materia e, ao mesmo tempo, supuxese unha iniciativa pioneira de colaboración internacional en ciencia e tecnoloxía no seo da Unión Europea. Para pilotar o nacemento e posta en marcha deste centro, os dous países designaron ao catedrático de electromagnetismo da USC José Rivas Rey.
Xermolaba deste xeito o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL, polas súas siglas en inglés), comezando unha andaina que acaba de conmemorar o seu 20 aniversario, un centro do que José Rivas Rey foi tamén o seu primeiro director xeral unha vez inaugurado.
O profesor Rivas, acompañado polo tamén profesor da USC Jorge Mira Pérez, a primeira persoa que nomeou para o equipo fundador deste novo centro, participaron en Braga nos actos conmemorativos desa efeméride na vangarda da investigación arredor da nanotecnoloxía. Tamén interviñeron na sesión inaugural (con presenza de múltiples autoridades de España e Portugal) a actual directora xeral do centro, Clivia Sotomayor; e a presidenta do consello do INL, Inmaculada Figueroa Rojas. A secretaria xeral de Investigación, Eva Ortega, participou en representación do Goberno de España, mentres que por parte de Portugal, interveu o ministro de Educación, Ciencia e Innovación, Fernando Alexandre.
“Este centro, con réxime legal de institución internacional, cos seus máis de 500 investigadores de máis de 30 nacionalidades e máis de 200 proxectos en marcha, é o principal referente da colaboración científica entre España e Portugal. A súa posta en marcha e consolidación foi un proceso moi duro e complexo, e velo a este rendemento é toda unha satisfacción”, explicou o profesor Rivas.
En funcionamento desde finais de 2010, tras un investimento inicial de 100 millóns de euros, o INL conta actualmente con financiamento dos Estados membros (30%), fondos competitivos de Horizonte 2020, Horizonte Europa e convocatorias científicas do Estado portugués PT2020 (50%), e colaboracións coa industria (20%). A súa infraestrutura proporciona unha contorna de investigación de alta tecnoloxía sobre un campus cunha superficie de 47.000 m². O labor do instituto abrangue tres grandes áreas temáticas: enerxía e medio ambiente, ciencias da vida e tecnoloxías da información e das comunicacións.