Pasar al contenido principal

Laura Fachal, do Grupo de Medicina Xenómica, galardoada co Premio Investigador Novo en Xenética Humana

Laura Fachal traballa no grupo de Medicina Xenómica da USC. Foto: Servimav-USC
Laura Fachal traballa no grupo de Medicina Xenómica da USC. Foto: Servimav-USC
Outórgao a Asociación Española de Xenética Humana entre investigadores menores de 35 anos

Laura Fachal, integrante do Grupo de Medicina Xenómica da Facultade de Medicina, acaba de ser recoñecida co Premio ‘Investigador Novo en Xenética Humana’ que convoca a Asociación Española de Xenética Humana. É unha convocatoria dirixida a investigadores e investigadoras menores de 35 anos que destaquen polas súas traxectorias científicas. A investigadora do grupo de Medicina Xenómica da USC comezou o seu labor investigador en 2007 investigando o papel do xenoma mitocondrial na predisposición xenética á enfermididade meningocócica. Posteriormente, na súa tese de doutoramento profundou nas busca de variantes xenética causais e de susceptabilidade ao desenvolvemento de toxicidade radioinducida no cancro de próstata, baixo a dirección de Ana Vega e Ángel Carracedo. Este traballo supuxo o inicio dunha nova liña de investigación no grupo de Oncoxenética coñecida como Radioxenómica, baseada na determinación da base xenética da resposta adversa á radiación naqueles pacientes oncolóxicos sometidos a radioterapia. Na actualidade desenvolve unha bolsa posdoutoral financiada pola Xunta de Galicia á que se engadirá, a partir de abril de 2016, unha bolsa Marie Curie da Comisión Europea que lle permitirá continuar no Departamento de Oncoloxía da Universidade de Cambrigde, baixo a supervisión de Alison Dunning, o seu traballo sobre radioxenómica. Ademais, a doutora Fachal participa na Rede Galega de Investigación sobre Cancro Colorectal (REGICC), é membro adscrito do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Enfermidades Raras (CIBERER) e colabora na elaboración dun protocolo co fin de detectar ADN tumoral circulante en soro de pacientes de cancro de pulmón.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2015.