Créditos ECTS Créditos ECTS: 6
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 99 Horas de Titorías: 3 Clase Expositiva: 24 Clase Interactiva: 24 Total: 150
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Pedagoxía e Didáctica
Áreas: Teoría e Historia da Educación
Centro Facultade de Ciencias da Educación
Convocatoria: Primeiro semestre
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Os obxectivos que se propoñen para esta materia teñen que ver con aquelas cuestións que, desde un enfoque pedagóxico, permiten comprender a dimensión política e lexislativa da educación. Son os seguintes:
1. Coñecer os fundamentos epistemolóxicos e teóricos da política da educación como disciplina do coñecemento pedagóxico.
2. Comprender a política educativa como unha acción pública, reflexionando sobre o papel do Estado e as súas institucións en materia de educación.
3. Analizar a dimensión política e lexislativa da educación nunha perspectiva internacional, estatal, autonómica e local.
4. Estudar o marco lexislativo que regula a educación en España e en Galicia, recoñecendo os vínculos entre as decisións políticas e a súa tradución xurídica e legal.
5. Coñecer os principios que guían o desenvolvemento de proxectos de educación política, entendéndoa como unha ferramenta pedagóxica para unha cidadanía activa, participativa e democrática.
Tema 1. Perspectivas teóricas e fundamentos da política da educación
1.1. Bases epistemolóxicas e fundamentos disciplinares da política da educación
1.2. Obxecto, factores e axentes da política da educación
1.3. Decisión política, lexitimidade, territorialidade e participación social
Tema 2. A política educativa como acción pública
2.1. A educación como servizo público: esixencias de calidade, equidade e liberdade
2.2. A dimensión internacional das políticas educativas
2.3. Política educativa e administración local
Tema 3. Da política á lexislación educativa: o marco normativo da educación
3.1. A tradución xurídica e legal das políticas educativas
3.2. Política e lexislación educativas en España
3.3. Política e lexislación educativas en Galicia
Tema 4. A educación política
4.1. Educar para unha cidadanía activa e democrática
4.2. Educación e participación social: escola, comunidade e sociedade
Bibliografía básica:
Colom, A. J., e Domínguez, E. (1997). Introducción a la política de la educación. Ariel.
De Puelles, M. (2004). Elementos de política de la educación. UNED.
De Puelles, M. (2012). Política, legislación y educación. UNED.
Fernández, J. M. (1999). Manual de política y legislación educativas. Síntesis.
Bibliografía complementaria:
Bárcena, F., Gil, F., e Jover, G. (1999). La escuela de la ciudadanía. Educación, ética y política. Desclée de Brouwer.
Biesta, G. (2023). La buena educación en la era de las mediaciones. Ética, política y democracia. Morata.
Carbonell, J. (2019). La educación es política. Octaedro.
De Puelles, M. (2006). Problemas actuales de política educativa. Morata.
De Puelles, M. (2007). Política y educación en la España contemporánea. UNED.
Dewey, J. (1995). Democracia y educación. Morata.
Fernández, J. M., e Mayordomo, A. (1996). Política educativa y sociedad. NAU llibres.
Foces, J. A. (2023). Política y administración del sistema educativo en España. Universidad de Valladolid.
Gimeno, J. (Comp.). (2006). La reforma necesaria: Entre la política educativa y la práctica escolar. Morata.
Jiménez, A., Jiménez, J., e Palmero, C. (2006). La política educativa y la naturaleza compleja de la educación. Nuevos enfoques epistemológicos. Revista Española de Pedagogía, 64(234), 249-272. https://doi.org/10.22550/2174-0909.2370
Luque, D. (2021). La educación política. Aproximación histórica y sistemática. Foro de Educación, 19(2), 315-333. http://dx.doi.org/10.14516/fde.786
Rizvi, F., e Lingard, B. (2013). Políticas educativas en un mundo globalizado. Morata.
Rodríguez, C., e Imbernón, F. (Coords.). (2022). De las políticas educativas a las prácticas escolares. Morata.
Saltman, K. J. (2018). The politics of education. Routledge.
Santos Rego, M. A. (1997). Política educativa en la Unión Europea después de Maastricht. Escola Galega de Administración Pública.
Santos Rego, M. A. (Ed.). (2009). Políticas educativas y compromiso social. El progreso de la equidad y la calidad. Octaedro.
Touriñán, J. M., e Rodríguez, A. (1993). Conocimiento de la educación, decisiones pedagógicas y decisiones de política educativa. Teoría de la Educación. Revista Interuniversitaria, 5, 33-58. https://doi.org/10.14201/2979
UNESCO. (2022). Reimaginar juntos nuestros futuros. Un nuevo contrato social para la educación. Fundación SM.
Valle, J. M. (2015). Las políticas educativas en tiempos de globalización: la educación supranacional. Bordón, 67(1), 11-21. https://doi.org/10.13042/bordon.2015.67101
Valle, J. M., e Sánchez-Urán, L. (2023). Organismos Internacionales y Políticas educativas basadas en evidencias: la evidente relación. Revista de Educación, 400, 107-132. https://doi.org/10.4438/1988-592X-RE-2023-400-572
Competencias básicas e xerais:
CB1 - Que os estudantes teñan demostrado posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, e soe atoparse a un nivel que, se ben se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
CX1 - Coñecer e comprender os fundamentos académicos e científicos nos que se sustenta o seu campo formativo e profesional, tendo capacidade para analizar criticamente a natureza das súas teorías, metodoloxías e ámbitos de intervención da Pedagoxía.
CX2 - Ter capacidade para analizar as realidades sociopolíticas, económicas, educativas, culturais e lingüísticas nas que se desempeña o labor profesional dos/as pedagogos/as, tanto en termos diagnósticos como prospectivos.
CX3 - Coñecer, comprender e analizar de xeito integral situacións educativas en diferentes contextos, sendo capaces de adaptar e aplicar os fundamentos académicos e científicos da Pedagoxía ás mesmas.
CX8 - Estar en condicións de tomar decisións relativas á mellora da súa formación e da práctica profesional, con pleno respecto aos principios deontolóxicos aos que se remite a Pedagoxía, tendo como soporte os valores cívicos e os dereitos humanos.
Competencias transversais:
CT3 - Desenvolver unha actitude autocrítica, así como de reflexión, análise e síntese respecto dos coñecementos, tarefas e cometidos nos que participan.
A materia combinará, por unha banda, sesións de carácter expositivo, nas que o docente realizará a exposición dos contidos teóricos co apoio de diferentes recursos audiovisuais e/ou a utilización de fontes documentais complementarias; e por outra, sesións interactivas, de carácter práctico, cuxo obxectivo será afondar nos contidos traballados a través de actividades aplicadas de corte principalmente grupal, nas que se analizarán e debaterán os diferentes temas abordados na materia.
A metodoloxía que se seguirá busca a implicación activa dos/as estudantes nas diferentes actividades, especialmente no que atinxe á busca de información, reflexión e aplicación dos coñecementos. Para iso, proporanse actividades prácticas nas que, a partir da colaboración, se interpretarán diferentes realidades e situacións educativas desde unha perspectiva política e lexislativa, coa intención de analizar problemas e xerar pautas de acción.
O traballo cooperativo entre iguais será unha estratexia didáctica de gran relevancia, dadas as oportunidades que ofrece para o diálogo e o debate. A confrontación das discrepancias, apoiándose nas propias reflexións arredor da teoría, e o respecto polas diferenzas, son aspectos básicos para desenvolver competencias no ámbito da Política e Lexislación Educativas.
Farase uso da aula virtual da USC cos seguintes fins: informar ao estudantado, incluír os documentos de apoio para a elaboración das diferentes actividades individuais e/ou grupais, distribuír determinados materiais complementarios e de traballo, e habilitar espazos para a entrega das actividades e os traballos requiridos.
Así mesmo, considérase a posibilidade de que, no marco da materia, se realice algunha saída/práctica de campo.
O sistema de avaliación contempla as seguintes actividades:
- Realización dunha proba final (50%).
- Dossier de prácticas grupal (20%), no que se recollerán as diferentes actividades que o estudantado realizará nas sesións interactivas.
- Traballo monográfico grupal (30%), cuxa temática específica no ámbito da Política e Lexislación Educativas será acordada entre os diferentes grupos de traballo e o docente nas dúas primeiras semanas de clase.
Para obter unha valoración positiva na materia será necesario ter realizadas e entregadas todas as actividades de avaliación anteriormente enumeradas, así como ter acadado unha valoración suficiente en cada unha delas (5 sobre 10).
Este sistema de avaliación tamén se aplicará ao estudantado repetidor.
Tendo en conta o Regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado en Consello de Goberno con data do 25 de novembro de 2024, o estudantado que teña concedida a dispensa de asistencia a clase seguirá a mesma estrutura de avaliación (proba final, dossier de prácticas e traballo monográfico). Nestes casos, no que respecta ao dossier de prácticas e ao traballo monográfico, consensuaranse ao inicio do semestre as adaptacións correspondentes para que poidan ser abordados individualmente.
Pola súa banda, o estudantado con exención de docencia para as sesións expositivas estará en condicións de asistir ás sesións interactivas e de elaborar as actividades prácticas co conxunto de compañeiros/as, así como o traballo monográfico grupal, polo que será avaliado en consecuencia. Así mesmo, deberá realizar a proba final.
Do mesmo xeito que o estudantado asistente, aqueles/as que se acollan á exención de docencia ou dispensa de asistencia deberán ter aprobadas todas as actividades de avaliación (5 sobre 10) para superar a materia. Nestes casos, é obrigatorio asistir a unha titoría nos 15 días seguintes á notificación da condición de dispensa ou exención, co obxectivo de abordar o sistema de traballo e avaliación.
A realización fraudulenta dalgún exercicio ou proba esixida na avaliación dunha materia implicará a cualificación de “suspenso” na convocatoria correspondente, con independencia do proceso disciplinario que se poida seguir contra o/a estudante infractor. Considerarase fraudulenta, entre outras, a realización de traballos plaxiados ou obtidos de fontes accesibles ao público sen reelaboración ou reinterpretación e sen citas aos autores e ás fontes (Normativa de avaliación do rendemento académico do estudantado e de revisión de cualificación – aprobada en Consello de Goberno o 15 de xuño de 2011 e modificada o 5 de abril de 2017).
ASISTENCIA A CLASE
Este programa axústase ao especificado no Regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado en Consello de Goberno con data do 25 de novembro de 2024.
En concreto, nesta materia é obrigatorio asistir ao 80% das sesións, tanto expositivas como interactivas. A asistencia a esta porcentaxe de sesións é preceptiva para examinarse na primeira oportunidade (mes de xaneiro), así como para entregar os traballos da materia. Con anterioridade á realización das probas publicarase no Campus Virtual o listado do estudantado que satisfaga o requisito de asistencia e que, consecuentemente, terá dereito a examinarse. Quen non cumpra con esta porcentaxe (exceptuando as ausencias xustificadas), terá que examinarse en segunda oportunidade (mes de xuño/xullo), momento no que ademais deberá entregar un traballo práctico individual, que será previamente acordado co profesor da materia, e que substituirá ao dossier de prácticas e ao traballo monográfico grupal.
No que respecta ao estudantado repetidor, deberá cumprir cos criterios de asistencia ordinarios anteriormente indicados.
A aprendizaxe da materia apóiase en tres requisitos indispensables:
- A participación activa nas sesións e actividades de aula.
- O traballo individual ou en pequeno grupo, segundo se indique, para realizar as prácticas.
- O estudo individual e autónomo, que terá que apoiarse en lecturas complementarias ao longo do semestre.
O tempo estimado de dedicación dos/as estudantes á materia organízase do seguinte xeito:
Horas presenciais (50 horas):
- Clases expositivas: 20 horas
- Prácticas de seminario: 15 horas
- Titorías de traballo do curso: 12 horas
- Actividades de avaliación: 3 horas
Horas non presenciais (100 horas):
- Estudo: 60 horas
- Elaboración das actividades prácticas e informes: 40 horas.
Para o estudo da materia, recoméndase:
- Asistencia regular ás sesións de clase e implicación activa nas mesmas.
- Estudo continuado dos contidos teóricos traballados nas sesións expositivas, o que permitirá expor dúbidas e formular aclaracións de forma inmediata.
- Consulta e análise dos documentos recomendados na bibliografía do presente programa, a fin de complementar os contidos abordados na aula.
- Seguimento e dedicación en todas as actividades prácticas, ben sexan individuais ou en pequeno grupo.
- Planificación coherente e axustada das tarefas (distribución de tempos, esforzos e diálogo constante co docente).
- Uso adecuado das titorías ao longo do semestre.
- Coidar os aspectos formais (redacción, coherencia, claridade, exposición…) tanto nas actividades prácticas (dossier e traballo monográfico) como na proba final.
Así mesmo, pola súa natureza, Política e Lexislación Educativas relaciónase directamente con varias das materias que se inclúen como Formación Básica no 1º curso (“Teoría da Educación”, “Políticas Socioeducativas e Dereitos Humanos”, “Economía da Educación”, “Antropoloxía da Educación”, “Educación e Sociedade en Galicia”, ou “Socioloxía da Educación”), así como con outras que tamén se sitúan no 2º curso (“Educación Ambiental e Cultura da Sustentabilidade”, “Pedagoxía Social”, “Historia da Educación”, ou “Pedagoxía Intercultural”) ou en cursos posteriores (“Educación Comparada”, “Avaliación de Programas”, ou “Dirección, Organización e Xestión de Institucións Educativas”). Convén, polo tanto, afrontar o seu estudo tomando consciencia do modo en que se nutre doutras disciplinas, dada por exemplo a incidencia das variables sociais, culturais e económicas nas políticas e a lexislación educativas; ou pensando en como os coñecementos sobre a dimensión política e lexislativa da educación inciden en realidades pedagóxicas como a dirección e xestión de centros educativos.
RESPONSABILIDADE MEDIOAMBIENTAL
Os traballos realizados polo estudantado entregaranse a través da aula virtual. Excepcionalmente, o profesorado poderá solicitar a entrega por outros medios.
Se nalgún momento se esixise a entrega de traballos en papel para a materia, é necesario ter en conta as seguintes indicacións: evitar tapas de plástico ou outros envoltorios externos innecesarios; sempre que sexa posible, empregar grampas no canto de encadernados; imprimir a dúas caras en calidade “aforro de tinta”; non facer uso de folios en branco como separadores de capítulos ou partes; evitar anexos que non teñan relación directa cos temas desenvolvidos.
PERSPECTIVA DE XÉNERO
En atención a criterios de igualdade de xénero no ámbito universitario, recoméndase facer uso dunha linguaxe non sexista tanto no traballo cotián de aula como nos traballos académicos encomendados. Para máis información: www.usc.gal/cdn/ff/QKcBDjOX5QgeJQkeVe81BaV8Ho1efUER3o85f5lb1ZY/1673868829/public/paragraphs/more_info_service/2023-01/linguaxe_non_sexista_publicado_WEB_USC.pdf
CONTA RAI
É obrigatorio que o estudantado faga uso da conta de correo rai.
FERRAMENTAS TECNOLÓXICAS INSTITUCIONAIS
É obrigatorio o uso das ferramentas tecnolóxicas institucionais: Campus Virtual, Microsoft Office 365, e outras ferramentas facilitadas pola facultade e autorizadas como ferramentas institucionais pola USC.
USO DO TELÉFONO MÓBIL
Non se poderá facer uso do teléfono móbil, salvo cando se use como instrumento de traballo seguindo as indicacións dadas polo docente, responsabilizándose o estudantado das consecuencias legais e académicas que poidan derivarse dun uso non axeitado do mesmo.
PROCESO DE ENSINO-APRENDIZAXE
É oportuno ter en conta que o proceso de ensino-aprendizaxe (clases / titorías) é de carácter privado. Neste sentido, enténdese que se trata dun acto de comunicación e intercambio entre o docente e o estudantado matriculado na materia.
PROTECCIÓN DE DATOS
É obrigatorio o cumprimento da normativa de protección de datos, que pode ser consultada na seguinte ligazón: https://www.usc.gal/gl/politica-privacidade-proteccion-datos
Igor Mella Núñez
- Departamento
- Pedagoxía e Didáctica
- Área
- Teoría e Historia da Educación
- Teléfono
- 881813756
- Correo electrónico
- igor.mella [at] usc.es
- Categoría
- PROFESOR/A PERMANENTE LABORAL
Martes | |||
---|---|---|---|
13:30-15:00 | Grupo /CLIS_02 | Galego | AULA 5 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
Xoves | |||
09:00-10:30 | Grupo /CLIS_01 | Galego | AULA 5 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
12:00-13:30 | Grupo /CLIS_03 | Galego | AULA 5 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
13:30-15:00 | Grupo /CLE_01 | Galego | AULA 6-7 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
21.01.2026 09:00-11:00 | Grupo /CLE_01 | AULA 6-7 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |
16.06.2026 09:30-11:30 | Grupo /CLE_01 | AULA 6-7 (CAMPUS VIDA-Módulo A) |