Créditos ECTS Créditos ECTS: 12
Horas ECTS Criterios/Memorias Traballo do Alumno/a ECTS: 280 Horas de Titorías: 20 Total: 300
Linguas de uso Castelán, Galego
Tipo: Traballo Fin de Grao RD 1393/2007 - 822/2021
Departamentos: Filoloxía Galega, Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
Áreas: Filoloxías Galega e Portuguesa, Lingüística Xeral, Teoría da Literatura e Literatura Comparada
Centro Facultade de Filoloxía
Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
Docencia: Con docencia
Matrícula: Matriculable
Segundo se establece no artigo 14.6 del Real Decreto 822/2021, de 28 de setiembre, de carácter obrigatorio e a súa superación é imprescindible para a obtención do título oficial, ten por obxectivo esencial a demostración por parte do ou da estudante do dominio e aplicación dos coñecementos, competencias e habilidades definitorias do título universitario oficial de Grao. Tales competencias están recollidas na memoria de verificación correspondente.
O Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos Traballos Fin de Grao e Fin de Máster na Universidade de Santiago de Compostela (en diante, Regulamento da USC), aprobado polo Consello de Goberno de 10 de marzo de 2016, indica que o TFG consistirá na elaboración dun traballo académico orixinal no que se integren e desenvolvan os coñecementos, capacidades, competencias e habilidades adquiridos durante os estudos realizados nas titulacións de grao e incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, redacción, presentación e defensa. Por traballo orixinal enténdese un traballo de elaboración propia no que se citen debidamente as fontes que se tiveron en conta para a súa realización.
O TFG do Grao en Lingua e Literatura Galegas realizarase baixo a supervisión dun/dunha titor/a académico/a, que se encargará de velar polo cumprimento dos obxectivos fixados. Debe ser persoal docente e investigador con docencia no título, agás persoal en formación, profesores/as leitores/as e aquelas figuras que teñan un contrato que remate antes da finalización do curso académico en que se matricule o TFG.
O TFG da titulación de Grao en Lingua e Literatura Galegas tense que adecuar aos contidos do Maior e, así mesmo, debe ser redactado e defendido en galego.
O tema concreto do TFG debe adecuarse á oferta de liñas temáticas vixente no presente ano académico. No caso de traballos en equipo, esta posibilidade debe estar expresamente prevista na oferta de liñas temáticas. A cada estudante (ou grupo de estudantes) adxudícaselle, previa solicitude, unha liña temática e mais un/unha titor/a. Posteriormente, o/a(s) estudante(s), coa orientación do titor/a, delimita(n) o título do TFG e elabora(n) un resumo, que deben ser aprobados pola Comisión de TFG da Facultade de Filoloxía. A oferta de liñas temáticas e titores/as para o ano académico estará dispoñible na intranet da facultade.
Tal e como se indica na Memoria do título de Grao en Lingua e Literatura Galegas, a extensión do TFG será, a modo orientativo, de entre 65.000 e 120.000 caracteres con espazos, excluídos apéndices. A modo orientador, a extensión dos TFG en equipo poderase incrementar proporcionalmente ao número de integrantes del.
O traballo deberá adoptar, de forma aproximada, a seguinte estrutura:
1.-Portada, na que deberán aparecer todos os datos identificadores do traballo: o logo da USC coa indicación da Facultade; a denominación do Grao; o título do traballo; o nome completo do/a autor/a e do/a titor/a e o curso académico correspondente.
2.-Primeira páxina, que reproduce a portada.
3.-Copia da solicitude de delimitación de título e resumo aprobado pola CTFG.
4.-Título en galego, español e inglés, resumo e palabras chave.
5.-Declaración de orixinalidade do traballo.
6.-Índice paxinado.
7.- No caso dos traballos en equipo: poderá incluír unha declaración de repartición de responsabilidades entre cada un dos seus membros
8.-Introdución.
9.-Contidos/Desenvolvemento.
10.- Conclusións.
11.-Bibliografía consultada.
12.-Apéndices (se os hai).
Dadas as peculiaridades desta materia, resulta imposible especificar unha bibliografía xeral básica para todos os TFG que se van desenvolver. En todo caso, tal e como se establece no artigo 12 da Normativa de TFG das titulacións de grao da Facultade de Filoloxía, o traballo debe incluír un apartado de bibliografía consultada.
- Ser capaz de definir os obxectivos do traballo.
- Ser capaz de deseñar e organizar as tarefas para alcanzar os obxectivos previstos e desenvolver o traballo de acordo cos mesmos.
- Saber buscar e seleccionar información relevante.
- Facer uso dos coñecementos adquiridos ao longo dos estudos que sexan pertinentes para o obxecto do traballo, e integrar con eles a nova información conseguida.
- Ser capaz de organizar a información e presentala de forma clara, sistemática e precisa, para que sexa comprendida por outras persoas.
- Saber identificar as limitacións e/ou carencias do traballo realizado e propoñer suxestións de cara ao futuro.
- Dominar a expresión oral e escrita en distintos contextos.
Tal e como xa se indicou, o TFG realizarase baixo a supervisión dun/dunha titor/a académico/a, que se encargará de velar polo cumprimento dos obxectivos fixados. O labor do/a titor/a será orientar, asesorar e planificar as actividades do/a estudante, facer un seguimento do traballo e supervisar o seu progreso. En función da natureza do TFG, fixará varias sesións de titoría co fin de discutir o plan inicial de traballo, os resultados parciais das diferentes fases de elaboración e o resultado final. Se o/a estudante simultanea a realización do TFG cunha estadía de mobilidade, debe consensuar co/a titor/a a forma na que se velará polo cumprimento dos obxectivos fixados.
No momento de facer a solicitude de defensa na secretaría virtual, o estudantado deberá optar por:
1.- Avaliación do traballo polo/a titor/a
O/a Titor/a será o encargado/a da avaliación e cualificación que non poderá ser superior a 7.00. O(s)/A(s) estudante deberán defender en acto público o seu TFG perante o/a titor/a. A cualificación final estará integrada por:
a) Valoración do traballo: máximo 70% (4,9 do total de 7) Avaliaranse o progreso académico do/a estudante, os contidos, o proceso de elaboración, a consecución dos obxectivos e a presentación escrita.
b) Exposición e defensa do TFG: máximo 30% (2,1 do total de 7) Avaliaranse a presentación oral, a capacidade argumental da exposición e da réplica, a claridade e autoanálise dos obxectivos, así mesmo a concisión e a corrección no uso da lingua.
2.- Avaliación do traballo por tribunal
Os traballos poderán ser avaliados por un tribunal en defensa pública. O tribunal estará composto por tres profesores/as da USC que impartan docencia na titulación. O tribunal poderá outorgar Matrícula de Honra a aqueles TFGs cunha cualificación igual ou superior a 9. A cualificación do Tribunal estará integrada pola suma de:
a) Valoración do traballo por parte do/a Titor/a cun máximo de 7 puntos. Avaliaranse o progreso académico do/a estudante, os contidos, o proceso de elaboración, a consecución dos obxectivos e a presentación escrita.
b) Valoración da exposición e defensa do contido do TFG por parte do Tribunal cun máximo de 3 puntos, tendo en conta a presentación oral, a capacidade argumental da exposición e da réplica, a claridade e auto-análise dos obxectivos, así mesmo e a concisión e a corrección no uso da lingua.
A defensa do TFG realizarase, previa convocatoria pública, de forma pública e presencial ante o/a Titor/a ou o Tribunal, e consistirá nunha exposición e unha quenda de preguntas e respostas. Na exposición, o(s)/a(s) estudante(s) deberá(n) presentar os obxectivos, a metodoloxía, o contido e as conclusións do seu TFG, para o cal pode(n) empregar os medios que considere(n) oportunos. Seguirá unha quenda de valoracións, comentarios ou preguntas por parte do/a Titor/a ou o Tribunal.
No caso de traballos en equipo, no que atinxe ao informe e a avaliación serán sempre individuais podendo aquel referirse igualmente ao traballo conxunto. O tempo da presentación e exposición oral ante o/a titor/a ou tribunal poderá ser de ata 30 minutos e poderá dirixir preguntas de maneira indistinta a cada un dos/as estudantes.
Orientativamente, para os TFG individuais, recoméndase que o acto de presentación e a resposta a preguntas estea entre 10 e 15 minutos en cada un dos dous casos e que a duración total do acto non exceda os 30 minutos. No caso de traballos en equipo, recoméndase ao tribunal considerar a oportunidade de aumentar cada un deses períodos temporais e que a duración total do acto non exceda os 60 minutos.
Na Memoria de verificación do Grao en Lingua e Literatura Galegas atribúeselle a cada crédito un valor de 25 horas de traballo do estudante, polo que ao TFG, materia de 12 créditos, correspóndenlle 300 horas de dedicación.
O estudantado terá unha única convocatoria con dúas oportunidades de defensa por curso académico e poderá escoller calquera dos períodos habilitados para defensa do TFG: febreiro, xullo e setembro.
O estudantado poderá presentar e defender publicamente o TFG que teña como máximo 18 créditos pendentes de superación, agás os correspondentes
aos propios traballos.
O calendario académico do TFG publicarase anualmente na web da Facultade de Filoloxía, dentro de información académica, TFG: https://www.usc.gal/es/centro/facultad-filologia/tfg. Recoméndase visitar dita páxina.