No segundo 'Encontro de lúa chea' deste curso queremos aproveitar os 15 anos da aprobación do Decreto do plurilingüismo para falar do devalo no uso do galego e das medidas que cómpre tomar para revertelo

O 25 de maio de 2010 o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicaba o Decreto 79/2010 do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Este texto supoñía un cambio de paradigma: por primeira vez, poñíanselle límites máximos á presenza do galego no ensino e desgaleguizábanse de facto as primeiras etapas educativas. 15 anos despois da súa aprobación, o uso do galego atópase en mínimos históricos. Especialmente preocupantes son as cifras de uso entre a mocidade, tal como amosan os datos máis recentes do IGE, publicados a finais de 2024.
Neste mesmo 2025, o Consello da Cultura Galega publicou un documento de traballo sobre as competencias e usos das linguas cooficiais en España, que veu corroborar a caída do uso do galego entre as xeracións mais novas, así como a menor efectividade das políticas educativas comparadas coas doutras comunidades. No documento sublíñase tamén a urxencia de intervir no ámbito escolar e na transmisión interxeracional, e constátase unha percepción de menos prestixio social e utilidade da lingua en ámbitos formais e profesionais.
Diante deste panorama, como actuar para tratar de reverter esta situación? É posible facelo? Como modificar esa negativa percepción que a sociedade galega ten da lingua propia?
A situación sociolingüística en Galicia debe de ser obxecto dunha profunda reflexión, e para facer o noso contributo, no encontro estarán dúas persoas con moito que contar:
- Ana Iglesias Álvarez, profesora da Universidade de Vigo, e doutora e investigadora no ámbito da sociolingüística, especialmente en temáticas relacionadas coas actitudes lingüísticas cara ao galego, a transmisión interxeracional da lingua e as políticas lingüísticas familiares. Moitas delas tratounas no seu libro Falar galego: “no veo por qué” (Ed. Xerais).
- Nel Vidal Barral, profesor de Lingua Galega no CPI O Cruce de Cerceda, pero antes foi técnico de normalización Lingüística no Concello de Carballo e presitede da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). Desde un e outro posto participou na posta en marcha de múltiples proxectos de promoción do uso do galego (Gústame o galego, Apego, LGx15, Youtubeiras, Goza coa túa lingua etc).
O encontro será na cafetaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría ás 19 horas do mércores 29 de outubro.
Esta iniciativa, incluída dentro da programación do Outono Cultural, enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
