
Co obxecto de favorecer a mobilidade de estudantado e persoal que non poida participar en estadías de longa duración por motivos académicos ou de índole persoal, o Programa Erasmus+ 2021‐2027 ofrece unha nova modalidade de programas que buscan fomentar a mobilidade internacional nun formato curto que combina a mobilidade presencial cunha compoñente virtual: os Blended Intensive Programmes (Programas Intensivos Combinados).
Nesta páxina publicaranse as sucesivas convocatorias de BIP para participantes da USC, que poden dirixirse tanto a estudantado como a persoal.
Requisitos, prazos e procedementos de cada BIP convocado.
Non hai convocatorias abertas na actualidade.
Os BIP son programas de curta duración pertencentes ao programa Erasmus+ organizados por universidades europeas que contan cunha parte virtual e unha parte presencial. Esta ten unha duración mínima de unha semana, contemplando un grande abano de temáticas e formatos, e pode dirixirse a estudantado de todos os niveis e titulacións.
Para poder participar, requírese que a USC teña asinado un acordo coa universidade convocante e formule unha convocatoria que se publicará no apartado de Convocatorias e resolucións nesta mesma páxina.
Outórgase pola súa participación un mínimo de 3 ECTS e, no caso de que coincidan con períodos lectivos, é necesario que o estudantado verifique no seu centro as posibilidades de dispensa da asistencia ás clases da súa titulación.
Como promover a adhesión da USC a un BIP
Para solicitar a adhesión da USC nun BIP organizado por outra institución e que sexa posible o envío de participantes (tanto estudantes como membros do persoal), é necesario que o profesorado / PTXAS que teña recibido unha oferta de adhesión a traslade á persoa responsable no Centro para que valore e autorice a proposta, que será posteriormente avaliada na Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización.
- Formulario de proposta de adhesión
- Visto e prace da persoa responsable do centro ou unidade (para anexar ao Formulario)
Como participar individualmente
Unha vez se acorde a adhesión a un BIP por parte da USC, procederase a publicar convocatorias individualizadas para cada BIP, onde se establezan os requisitos para cada colectivo. Se está aberta para algún colectivo de persoal, poderá presentarse a solicitude como se indique na correspondente convocatoria.
Oficina de Mobilidade
- Oficina de Santiago
- Rúa de Lope Gómez de Marzoa, 4. Campus Vida , 15782Santiago de Compostela
- international [at] usc.gal
Oficina de Mobilidade
- Oficina de Lugo
- Rúa Bernardino Pardo Ouro, s/n. Campus Universitario, 27002Lugo
- internacional.lugo [at] usc.gal