
Utilizares diapositivas para a transmisión de contidos é unha boa idea. Unha imaxe mostra as cousas tal e como son máis claramente ca a unha simple descrición. Esta é a razón esencial para usares diapositivas como apoio ao teu discurso oral. Ademais, unha boa presentación axuda a guiar a audiencia a través do discurso.
Modelos de presentacións da USC
Vídeo explicativo de como funcionan os modelos
En todo caso, lembra para que serven unhas boas diapositivas:
- Ilustrar tal e como son as cousas
- Ser unha guía para a audiencia
- Ser un complemento de quen fala
E debes conseguir:
- Captar a atención nun primeiro momento
- Manter a atención durante a charla
- Facilitar o recordo despois do relatorio
Se non sabes que queres conseguir coa túa presentación,
a túa audiencia tampouco o vai saber
Harvey Diamond
Se es unha persoa empática terás moito gañado, Se cando preparas unha charla pensas realmente no auditorio terás moitas posibilidades de éxito.
1.1 Coñecer a audiencia
Non perdes o tempo se o dedicas a investigar realmente quen vai constituír a túa audiencia. O enfoque ha ser diferente dependendo de quen consitúa o auditorio.
Constitución da audiencia
Quen son? Han ser preguntas que debes facer cando prepares unha presentación. Podes preguntar á organización ou facer pescudas ti para coñecer diante de quen vas falar. Podes preguntar polas súas preocupacións e as súas inquedanzas, por que te van escoitar.
Son parte dun colectivo? Forman parte dun curso académico, dun eido profesional, dun asociación veciñal? Teñen coñecementos sobre o asunto, é o primeiro achegamento que realizan sobre o tema? Saber todo isto determinará a utilización dun nivel ou doutro, o uso de terminoloxía máis ou menos elevada, condicionará dar cousas por sabidas ou non.
Ti es a mesma persoa, o asunto que se vai tratar é o mesmo, pero a mensaxe ha ser diferente porque vai estar modificada pola audiencia á que se dirixe.
Cantos son? A cantidade importa
Podes facer unha presentación ante centos de persoas ou falar ao redor dunha mesa O acto comunicativo vai ser diferente e adaptarte ás diferentes circunstancias vai constituír unha das bases do éxito. Como é lóxico, as técnicas que se van empregar nun ou noutro contexto son distintas: de que maneira vou interpelar á audiencia? Como proxecto a voz? Como vou moverme?
Todas estas cuestións deberanse responder e, segundo sexan as respostas, actuar en consecuencia á hora de facer presentacións en tres factores fundamentais: a linguaxe utilizada, os conceptos e información utilizada e a escolla de imaxes e gráficos.
Linguaxe | A complexidade do vocabulario, a utilización de terminoloxía específica, de siglas, ou de símbolos específicos van ter que ser moduladas en relación a quen está diante, a como está constituído o auditorio. Ante determinados auditorios dicir que algo mide, por exemplo, tres picómetros non achega información ningunha . |
Conceptos e información | Moitas veces, a charla que vas dar forma do teu obxectivo de investigación, pero pode que audiciencia se achegue a eses contidos por primeira vez. Valora que a complexidade e a profundidade dos contidos consonte a audiciencia. |
Imaxes e gráficas | A adaptación das gráficas e das imaxes tamén se deben valorar dependendo do público. |
É frecuente asistir a charlas nas que alguén parece “falar ben”, pero non se sabe que quiixo dicir. Cal é a súa tese. Podes ter datos, ideas, pero o fundamental é que todo iso xire ao redor dun tema central. Non é mala idea adiantar a tese, recordala durante o discurso e rematar con ela. Iso é o que vai levar de ti a túa audiencia: a idea inequivoca e clara sobre un asunto
Para centrar a tese, apunta unha frase que a envolva. A frase debe ser unha oración completa con unha idea clara. No exemplo “está sendo desfavorecido” é a tese mantida neste exemplo sobre o galego no contorno educativo. O exemplo da dereita pode desdebuxar o sentido da charla.
Os propósitos dunha presentación
Que efecto queres conseguir coa túa presentación? Cal é o propósito que buscas? Queres informar dunha situación, convencer nunha dirección á audiencia, motivala, emocionala? Se sabes cal é o propósito, todo debe xirar ao redor do obxectivo marcado. O risco que corres é que se desenfoque o fin do acto comunicativo. Fuches convencer e só informaches; inspiraches e tiñas previsto formar un colectivo. Ese pode ser o risco de non cumprir o obxectivo establecido.
Os cinco obxectivos (podería haber máis) que poñemos a continuación deben ser a guía de toda a mensaxe, de todo o acto comunicativo. Isto non quere dicir que os estilos deban someterse a rixideces antinaturais. Loxicamente, hai veces que para formar a audiencia tamén se necesitan ingredientes motivadores ou inspiradores.
Informar | Educar | Motivar | Inspirar | Persuadir |
Ofrecer datos ao público. O estilo debe ser sinxelo e débese procurar seleccionar os datos necesarios e adecuados para a súa boa comprensión.
O risco reside no exceso de datos e na súa falta de claridade. |
Formar a audiencia. O estilo debe ser didáctico para procurar a aprendizaxe de conceptos, termos e situacións.
O risco está en non ter en conta o nivel da audiencia. |
Facer que alguén se anime por algo ou colla interese por algunha cousa.
O estilo debe ser emotivo e apaixonado. As diapositivas deben ser acordes con este obxectivo. O risco é non ser crible. A mensaxe debe ser axeitada e a forma adecuada. |
Facer nacer no público unha idea, un sentimento.
O estilo debe informar pero con introducindo ingredientes emotivos. Contar unha historia pode ser moi útil para este fin.
|
Facer que a audiencia cambie ideas ou intencións preconcibidas que ten establecidas.
O estilo debe ser formal e entusiasta á vez.
|
Exemplo: datos de matrícula dun curso académico ou unha memoria dunha biblioteca.
|
Exemplo: unha clase de calquera nivel educativo. | Exemplo: O equipo directivo debe, por exemplo, mostrar os valores que teñen as persoas que traballan nun centro. |
Exemplo: Crear en certas persoas a necesidade de integrarse nun grupo de voluntariado. |
Exemplo:
|
Propósitos realistas
Xa tes claro que o obxectivo dunha charla debe ser mover a audiencia nunha dirección. Esta non debe quedar na indiferenza despois do acto comunicativo: debe saber máis, estar implicada doutro xeito ou pensar doutra maneira, pero non ficar igual.
Débense establecer uns obxectivos accesibles e posibles. Se a audiencia sabe pouco de algo, que saiban algo; se saben algo, que coñezan bastante o asunto; se están xa neste punto, que acaben sendo coñecedores en profundidade.
Se unha persoa despreza a idea do cambio climático, non podes pretender (aínda que che pareza o obxectivo ideal) que acabe a charla sendo entusiasta coa idea de empezar unha nova forma de vida. Non o vai facer. Se logras que abra os ollos para que as próximas ideas que lle cheguen poidan xerminar nela, xa é un bo logro. Os obxectivos hainos que conseguir un a un, chanzo a chanzo. Os atallos, como pasa moitas veces, levan ao fracaso na consecución do obxectivo da comunicación.
Se, por exemplo, tes que ir dar unha charla para concienciar a audiencia de que utilicen o galego habitualmente, non debes ver, a curto prazo, este obxectivo como primordial. Hai que deixalo á parte, aínda que sexa de momento, e partir da súa idea base. A partir dela, intentar subir un nivel, un chanzo. E así, se a audiencia parte de maneira maioritaria de desprezo cara a lingua galega, non deberas establecer como obxectivo que acaben entusiasmados con ela. Xa o farías (moi) ben se lograses que a partir da túa charla lles resulte indiferente. Si, así de humilde ha de ser o teu obxectivo.
A partir de aí, poderás mover o público a que actúe en consecuencia:
3. O Lugar: coñecelo antes
Visita o lugar previamente. Se non podes, pide á organización do acto que che mande un vídeo do lugar en que vas falar.
Coñecer o espazo onde se vai establecer o acto comunicativo é importante. Existen aspectos que deberás ter en conta: como están establecidos os espazos para a audiencia e para o relator; as condicións de luz; o tamaño da sala; os corredores; o número de portas; etc.
Características físicas do lugar
Que tamaño ten a sala, que tamaño ten a superficie de visionado das diapositivas, están a diferentes alturas quen fala e quen escoita, cantos corredores hai, hai un bo sistema de son, como lle afecta a luz a determinada hora do día? Todas estas cuestións, e algunha máis que consideres importante, debes telas en conta.
O tamaño da pantalla de exposición débese ter moi en conta á hora de deseñar as diapositivas. Hai veces que estas pantallas non están ben proporcionadas para o tamaño da sala e vense con dificultade desde algúns lugares. Se fose este o caso, as imaxes e o tamaño do texto deben ser modificados para que poida ser vistas sen problema. Por esta mesma razón, é sempre mellor pecar de utilizar tamaños grandes de máis que pequenos; nunca ninguén se queixou de que se vise moi ben.
As condicións de luz tamén son factores fundamentais á hora de preparar unha charla co apoio de visuais. Os fondos escuros de máis poden xogar á contra, pois en determinadas salas con luz natural moi intensa vense con moita dificultade por falta de contraste.
A distribución da audiencia no espazo
O público disperso supón un problema para que se cree un contexto adecuado para unha boa actividade formativa.
Os teus esforzos estarán centrados en comunicarte co teu público que está esparexido pola sala. E a audiencia non se vai constituír facilmente como un colectivo participativo e cohesionado.
Loxicamente, unha vez estean xuntos serache máis doado comunicarte co grupo e tamén con cada un dos seus constituíntes. Coa túa mirada poderás ir personalizando a comunicación, tamén poderás establecer ese vínculo especial se te achegas ás diferentes partes polas que está constituída a audiencia.
1. Estrutura: selecciona as ideas e ordénaas
Presentar é falar sobre un asunto seleccionando e ordenando ideas.
Pero elixir significa renunciar: saber seleccionar e saber descartar é esencial para consituír unha comunicación eficaz. Nunha presentación debes mostrar o máis importante, o máis relevante, o que che pareza máis evocador, pero non mostrar toda a información.