Ir o contido principal

Congreso ‘Symmetry and shape: Celebrating the 65th birthday of Prof. C. Olmos’

03.11.2025-07.11.2025

Santiago de Compostela

O encontro será en Matemáticas. Foto: Santi Alvite
O encontro será en Matemáticas. Foto: Santi Alvite

A Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolle do 3 ao 7 de novembro unha nova edición do clásico congreso de xeometría, o Symmetry and Shape 2025. O obxectivo deste encontro é reunir persoal experto no estudo da curvatura, os espazos homoxéneos, a xeometría de Riemann e outros temas relacionados coa xeometría diferencial e a análise xeométrica. Neste encontro, que pon o foco na investigación no ámbito da xeometría, homenaxearase o profesor Carlos Enrique Olmos co motivo do seu 65 aniversario.

Esta importante cita científica, que contará cun marcado compoñente internacional, reunirá en Santiago de Compostela ao redor de 70 congresistas de todo o mundo e, na programación das sesións plenarias, estará presente persoal investigador de Alemaña, Rusia, Reino Unido, Italia, Brasil, España, Arxentina, Bélxica e Chipre.

As contribucións matemáticas de Carlos Enrique Olmos

Carlos Olmos é profesor titular da Universidade Nacional de Córdoba, investigador do CONICET dende hai máis de tres décadas e membro de número da Academia Nacional de Ciencias de Arxentina dende o ano 2012. A súa investigación céntrase na xeometría riemanniana, en particular na interacción entre a holonomía e a teoría de subvariedades, e entre as súas contribucións destaca unha demostración conceptual do teorema de holonomía de Berger, un enfoque alternativo ao resultado de homoxeneidade de Thorbergsson, unha xeneralización dos sistemas de holonomía de Simons e varias contribucións de interese no campo da teoría de espazos homoxéneos, espazos simétricos e subvariedades totalmente xeodésicas.

O seu traballo foi publicado en varias das revistas de máis prestixio en matemáticas, como Annals of Mathematics, Journal of the European Mathematical Society, Journal of Differential Geometry, Journal für die Reine und Angewandte Mathematik e Mathematische Annalen, entre outras. O seu labor investigador compleméntao co feito de participar en máis de 50 conferencias en prestixiosos eventos científicos internacionais.

A investigación en xeometría en Galicia

A investigación en xeometría en Galicia ten un importante recoñecemento tras unha continuada achega de destacados resultados de enorme calidade e unha presenza sólida e estable nas súas contribucións académicas ao longo dos anos. Neste sentido, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) asume nas liñas de actuación da súa axenda científica a investigación e capacitación do seu persoal investigador neste ámbito de estudo.

O Symmetry and shape: Celebrating the 65th birthday of Prof. C. Olmos conta cun comité organizador formado por José Carlos Díaz Ramos, Víctor Sanmartín López,  Miguel Domínguez Vázquez e Eduardo García Río (USC – CITMAga); Ixchel Dzohara Gutiérrez Rodríguez (UVigo – CITMAga) e Alberto Rodríguez Vázquez (ULB).
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2025.