Ir o contido principal

Exposición ‘O Corro dos Mouros. Unha longa historia... A monumentalidade ritual-funeraria dende o Bronce Final ata a Idade do Ferro en Galiza’

02.12.2025-30.01.2026

Ecoespazo (planta baixa) do CISPAC
Santiago de Compostela

A mostra pode visitar no Ecoespazo (planta baixa) do CISPAC
A mostra pode visitar no Ecoespazo (planta baixa) do CISPAC

Dende comezos desde mes de decembro, o Ecoespazo do Edificio Fontán acubilla a exposición ‘O Corro dos Mouros. Unha longa historia... A monumentalidade ritual-funeraria dende o Bronce Final ata a Idade do Ferro en Galiza’, unha montaxe obra da investigadora do grupo EcoPast da USC e do CISPAC Pilar Prieto Martínez, directora das escavacións.

A mostra, que se pode visitar ata o 30 de xaneiro en horario de 10.00 a 20.00 horas, achega unha síntese sobre este destacado xacemento prehistórico de Adai (Lugo), caracterizado pola súa monumentalidade e pola continuidade dos seus usos rituais, e no cal foron atopadas máis de 1200 novas pezas arqueolóxicas na última campaña.

Baixo unha paisaxe articulada ao redor de mámoas, petróglifos e castros camúflase O Corro dos Mouros, un xacemento monumental que agocha unha longa e complexa historia. Foi un lugar sacro utilizado para desenvolver ritos funerarios dende o momento da súa construción no Bronce Final, en torno ao século XIII antes de Cristo, albergando unha actividade intensa na Primeira Idade do Ferro (entre os séculos VIII e VI BC) e sendo clausurado este lugar na Segunda Idade do Ferro, en torno ao século III antes de Cristo.

Pero a historia continúa cambiando a función do sitio, xa que tempo despois, na Alta Idade Media, entre os séculos VIII e VI BC, detéctase unha posible remoción da coraza prehistórica que arrastra consigo materiais que alí quedaron depositados, como unha punta de lanza de bronce prehistórica asociada a esta datación. En Época Moderna detéctase actividade esporádica, grazas ao achado de fragmentos de dúas potas cerámicas, e finalmente, no período contemporáneo, a zona utilizouse para desenvolver actividades agrícolas, como o mostran as pegadas de arado atopadas no exterior do xacemento, e actividades forestais.

Grazas ás escavacións dirixidas por Pilar Prieto, autorizadas pola Asociación de Montes de Adai e financiadas pola Xunta de Galicia púidose extraer mostras para analizar co método de carbono catorce (14C). Deste xeito, a exposición mostra os lugares e contextos datados, que permitiron facer unha reconstrución detallada da cronoloxía do sitio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2025.