Ir o contido principal

‘Humanismo tecnolóxico en tempos da IA’. En conversa con Marta Bertolaso e Alfredo Marcos

22.10.2025 | 18.00h

En liña (Teams)

Conversa ‘Humanismo tecnolóxico en tempos da IA’
Conversa ‘Humanismo tecnolóxico en tempos da IA’

A Rede Española de Filosofía da IA (reFIA) organiza o mércores 22 de outubro, ás 18.00 horas, unha conversa en liña (Teams) con Marta Bertolaso e Alfredo Marcos, autora e autor do libro Inteligencia artificial y humanismo tecnológico publicado por Digital Reasons en 2024.  

Tal e como explicarán na conversa, o potencial transformador das novas tecnoloxías impulsa a preguntarnos polo lugar e a natureza do ser humano, e por iso na era das transicións dixitais “se precisa máis que nunca consolidar un principio de humanidade que dea sentido ao técnico e á tecnoloxía, que oriente o despregamento dos sistemas de intelixencia artificial cara ao coidado da nosa común natureza, da nosa dignidade e liberdade”.

Marta Bertolaso é profesora de Lóxica e Filosofía da Ciencia na Universidade Campus Bio-Médico de Roma e está especializada na epistemoloxía da bioloxía e as ciencias da saúde. É autora dos volumes Human Work and Human Flourishing in the Age of A.I. e A Critical Reflection on Automated Science – Will Science Remain Human? (próximos a publicarse); What and How Do Cancer Systems Biologists Explain? (con A. Plutynski, 2018); Verdad y confianza en la era del Transhumanismo (con L. Valera, 2018); e The Future of Scientific Practice: ‘Bio-Techno Logos’ (2015).

Pola súa banda, a docencia e investigación de Alfredo Marcos, da Universidade de Valladolid, céntranse na filosofía e historia da ciencia, a filosofía da bioloxía, a ética ambiental, a bioética e os estudos aristotélicos. É autor dos libros Ciencia y acción (Fondo de Cultura Económica, 2010) e Postmodern Aristotle (Cambridge Scholars Publishing, 2012), entre outros. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.10.2025.