Ir o contido principal

II Xornada USC-EASDRF. Arte e Deseño en Lugo. Dos procesos creativos á xestión cultural.

23.10.2025 | 09.30h

EASD Ramón Falcón
Lugo

Un dos puntos de interese da xornada será a presentación de traballos realizados polo estudantado. Imaxe de arquivo dunha mostra na USC. FOTO: Santi Alvite
Un dos puntos de interese da xornada será a presentación de traballos realizados polo estudantado. Imaxe de arquivo dunha mostra na USC. FOTO: Santi Alvite

A segunda edición da Xornada USC-EASDRF, que se desenvolve no marco do convenio de colaboración entre a Facultade de Humanidades da USC e a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, desenvolverase o vindeiro 23 de outubro, baixo o lema ‘Arte e Deseño en Lugo. Dos procesos creativos á xestión cultural’. Coordinada por Miriam E. Cortés e Patricia Cupeiro, profesoras da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, e por Ángela Morales, vicedirectora da EASDRF, a xornada mantén aberto o seu prazo de inscrición a través dun formulario en liña e de balde.  

A intención desta actividade é amosar o traballo que se está a realizar nas dúas institucións arredor da xestión cultural e as disciplinas artísticas e servir de plataforma para a difusión e visibilización do traballo do estudantado. “A actividade presenta unha programación moi variada, coa intención de dar a coñecer as titulacións de cada centro, polo que abarca cuestións relacionadas coas profesións  do sector cultural como a xestión, o deseño e a comunicación de actividades artísticas”, explican as coordinadoras. 

Na sesión da mañá, que terá lugar na Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón dende as 9.30 horas, contarase coas conferencias de Inma Hortas, egresada da EASDRF, deseñadora gráfica e ilustradora; e de Ariadna Silva, fotógrafa e egresada do Mestrado en Servizos Culturais da USC. Así mesmo, a profesora da EASDRF, Marta Cancio, realizará unha presentación performativa titulada ‘Cadernos de creación: o que Mariñán nos ensina’, na que presentará o resumo do traballo realizado nos últimos Encontros en Mariñán, residencia artística na que participa o alumnado da EASDRF desde hai seis anos. Na edición do curso pasado, o proxecto ‘Laboratorio de Terra’ da EASDRF rendeu homenaxe a Isaac Díaz Pardo eao 75 aniversario do pasamento de Castelao, tomando a terra como materia creativa e lugar simbólico. Pola tarde, dende as 17.00 horas, as conferencias trasládanse ao Salón de Graos da Facultade de Humanidades, onde se desenvolverá o relatorio de Carlos Callón, profesor da USC. 

Un dos puntos de interese da xornada será a presentación de traballos realizados polo estudantado, que terá lugar en horario de mañá e tarde. Os proxectos que se amosan nesta segunda edición son o Traballo de Fin de Mestrado (TFM) de María Gil, estudante do mestrado en Servizos Culturais da USC, que presenta A estilización da danza tradicional como reflexo da identidade cultural: Ballet Galego Rey de Viana e o Traballo de Fin de Grao (TFG) de Carme Giráldez, estudante do grao en Xestión Cultural da USC, que presenta 60 anos das Xornadas de Folclore Galego. Un paseo sonoro. Por parte da EASDRF preséntanse o Proxecto Integrado do ciclo de Gravado e o TFG de Deseño Gráfico das estudantes Dolores Cela e Esther López titulados Vidas ameazadas e TRADI

Programa do evento
Programa do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.10.2025.