Antoloxía literaria de escritoras e escritores de Filoloxía
No próximo 19 de novembro ás 11.00 horas, como parte das actividades programadas polo 50 aniversario da Facultade de Filoloxía, terá lugar no auditorio da Facultade a presentación do libro editado por Edicións USC Scripta manent. 50 anos de memoria e palabra, que contará coa presenza do escritor Xosé María Álvarez Cáccamo.
O acto contará tamén coas intervencións do secretario xeral da lingua da Xunta de Galicia, Valentín García; o decano da Facultade de FIloloxía, Elias Feijo; e a editora do volume e profesora do centro, Cristina Mourón.
Nos 50 anos que transcorren entre 1975 e 2025, a Facultade de Filoloxía ten sido espazo de estudo, creación e pensamento arredor da palabra. Pero foi tamén lugar de aprendizaxe vital, de descubertas, de encontros e sementes que medraron alén das aulas. Así pois, desa venturosa conxunción entre verba e memoria, nace esta antoloxía literaria de escritoras e escritores da Facultade como sentida e emocionada homenaxe a este medio século de traxectoria, como celebración da palabra, como un acto que deixa pegada e que expresa a memoria da experiencia humana.