Ir o contido principal

Ciclo de Cinema Filosófico

Proxección do filme 'Embajadores en el infierno' (1956), de José María Forqué

03.12.2025 | 18.00h
Facultade de Filosofía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Filosofía. FOTO: Santi Alvite

Unha nova edición do Ciclo de Cine Filosófico ten lugar este mércores 3 de decembro, ás 18.00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. Nesta ocasión vaise proxectar o filme Embajadores en el infierno (1956), de José María Forqué, no marco dos actos conmemorativos organizados polo estudantado do grao en Filosofía con motivo do 50 aniversario da morte de Franco. Presentará o filme o profesor Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da USC, membro do Instituto de Humanidades e Premio Nacional de Ensaio do ano 2019 polo libro Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018

O filme, dirixido por José María Forqué (1923-1995), está baseado nunha novela de Torcuato Luca de Tena titulada Embajador en el infierno. Memorias del capitán Palacios (once años de cautiverio en Rusia), a cal versa sobre o cativerio dos soldados españois que formaron parte da División Azul e foron feitos prisioneiros do exército soviético. A División Azul foi unha unidade de "voluntarios" españois que serviu entre 1941 e 1943 no exército alemán durante a 2ª Guerra Mundial na fronte oriental. O alongamento da guerra e as noticias sobre a extrema dureza desta durante o inverno de 1941 a 1942 dificultaron a captación de substitucións nos meses posteriores ao recrutamento inicial. Mesmo se deron casos de divisionarios que se alistaron ante a posibilidade de limpar os seus antecedentes ou os de familiares por pertenza a grupos opositores ao réxime. Unha parte dos recrutados eran persoas en realidade coaccionadas ao recrutamento debido ao historial de delitos ou faltas de diversa índole que tiñan. Xosé Manoel Núñez Seixas ten sinalado un concepto que denomina 'relato divisionario', que faría referencia á narración das vivencias e recordos dos propios divisionarios á súa volta a España e que segundo el elaboraría "unha imaxe amable e romántica dos combatentes españois, en particular en todo o relativo ao contacto coa poboación civil rusa e a cuestión xudía", ademais de envolver nunha lenda a propia división. Aínda máis, os testemuños dos combatentes presentaban con frecuencia unha visión idealizada da Alemaña nazi. "Fronte a esta idealización propagandística elaborada polo réxime franquista, a División Azul representa un episodio especialmente escuro da historia do franquismo, que cómpre analizar criticamente con motivo do 50 aniversario da morte de Franco", explican dende a organización do evento.

Esta é unha actividade do proxecto 'Cultura en Mazarelos' da Facultade de Filosofía, a cal conta cun recoñecemento de dous créditos ECTS para todo o estudantado. Entrada de balde ata completar a capacidade do espazo. 
 

Cartel do evento
Cartel do evento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2025.