Ir o contido principal

Reunión de A Ponte con persoal de dirección e orientación de centros de ensino medio de Galicia

19.09.2025 | 11.00h

Santiago de Compostela
Salón Nobre

Coñecerán de primeira man as actividades do programa

Foto de arquivo dun encontro do programa A Ponte en Fonseca. Foto: Santi Alvite
Foto de arquivo dun encontro do programa A Ponte en Fonseca. Foto: Santi Alvite

O Salón Nobre de Colexio de Fonseca recibe este venres 19 ducias de directores e directoras de centros de ensino medio de toda Galicia así como responsables dos equipos de orientación para coñecer as actividades para este curso do programa A Ponte da USC. A xuntanza en Lugo será o día 30.

A xuntanza, ás 11:00 horas, presidiraa a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e nela intervirá a delegada do reitor para o Ensino Medio e coordinadora do Programa, Maite Flores Arias, que ademais de presentar as actividades para o presente curso, na súa condición tamén de presidenta da CIUG, achegará información sobre a PAU 2026.

Programa A Ponte


O programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC desenvólvese de maneira estruturada dende o curso 2003-2004, e ano tras ano incorpora actividades que contan con grande éxito de participación dado que se dedica a difundir a oferta de estudos da USC entre o estudantado preuniversitario ademais de orientar academicamente as súas preferencias.

Entre as súas actividades, destacan as charlas temáticas que docentes da USC imparten en centros de secundaria explicando algunhas das investigacións nas que están traballando, as visitas aos centros escolares para presentar toda a oferta da USC, os encontros do alumnado nos campus de Santiago e Lugo e a súa versión virtual, as xornadas de portas abertas ou as de achegamento á USC coa participación en diversas feiras educativas.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.09.2025.