A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo impulsa o primeiro seminario de investigación deste curso académico, un encontro que abre un novo ciclo dedicado á difusión, análise e debate das últimas tendencias no ámbito da economia, xestión empresarial e do comportamento da persoa consumidora. Nesta edición inaugural contarase con Jorge Matute, catedrático de Márketing e director do departamento de Xestión Empresarial na IQS School of Management (Universitat Ramon Llull, Barcelona). O seminario desenvolverase o 2 de decembro, ás 13.30 horas.
O profesor Matute é unha figura de referencia internacional no eido do neuromárketing, a sustentabilidade e o comportamento da persoa consumidora. Co-dirixe o Neuro & Digital Marketing Lab de IQS, un laboratorio pioneiro en España no uso de neurosensores e biosensores para analizar o comportamento dos consumidores e apoiar a toma de decisións en empresas e organizacións.
Ao longo da súa traxectoria liderou proxectos competitivos como NEUROSOLV e actualmente dirixe o proxecto CRYPTOFOMO, centrado nos mecanismos psicolóxicos e nas condutas problemáticas asociadas ao trading en liña. Ademais, colabora como consultor para empresas dos sectores das fragancias, alimentación e tecnoloxía, desenvolvendo aplicacións de neuromárketing orientadas á práctica empresarial.
A súa produción científica supera o medio cento de publicacións en revistas internacionais de prestixio —entre as que destacan Psychology & Marketing ou Journal of Business Ethics— e conta con miles de citas, dirixindo tamén varias teses de doutoramento nas áreas de márketing, sustentabilidade e comportamento do consumidor.
O seminario estará estruturado en dúas partes principais e dirixirase tanto a estudantado de doutoramento como a profesorado.