Ir o contido principal

Xornada sobre IA ‘Tecnoloxía en galego: resultados de ILENIA - Proxecto Nós’

18.12.2025 | 12.00h
O evento terá lugar no no edificio CIEDUS situado no parque de Vista Alegre
O evento terá lugar no no edificio CIEDUS situado no parque de Vista Alegre

A USC acolle o xoves 18, no edificio CEA situado no parque de Vista Alegre, a partir das 12.00 horas, a xornada de presentación de resultados dos últimos tres anos de traballo do Proxecto Nós dentro do proxecto ILENIA, unha iniciativa do Goberno de España para avanzar en recursos e capacidades en tecnoloxías lingüísticas, en particular para as linguas do Estado.

Este encontro permitirá dar a coñecer os principais avances acadados no trienio 2022-2025 no marco das tecnoloxías lingüísticas, en particular para o galego, tanto a nivel de datos, como de ferramentas tecnolóxicas, modelos de IA e casos de uso, recursos dispoñibles en aberto e potencialmente utilizables en investigación e desenvolvemento de produtos, servizos e aplicacións por parte da industria e as administracións públicas. Concretamente, analizarase a situación do galego no mundo dixital e como desenvolver unha industria máis competitiva nas tecnoloxías lingüísticas e a IA, en particular desde e para o galego. Nesta xornada farase tamén un balance do que supuxo a execución da iniciativa ILENIA, da que Nós forma parte, en Galicia e no conxunto de España.

Elisa Fernández Rei e Senén Barro, responsables dos dous centros de investigación que lideran o Proxecto Nós, o Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), darán a benvida ás e aos participantes nunha xornada na que se presentarán os principais resultados do proxecto (datos, ferramentas como o primeiro tradutor neuronal galego-castelán-inglés, outros recursos tecnolóxicos como voces sintéticas, así como modelos de linguaxe e casos de usos en colaboración con empresas e entidades públicas).

Neste encontro tamén terá lugar unha mesa redonda titulada 'A importancia do galego no mundo dixital', que será moderada por Rubén Cela (Proxecto Nós) e contará coa participación de voces relevantes da escena empresarial galega fortemente implicadas co uso e desenvolvemento destas tecnoloxías.

Finalmente, farase un acto de recoñecemento ás entidades públicas e privadas que colaboraron máis estreitamente co Proxecto Nós, en particular coa cesión de corpus de texto e voz, indispensables para poder adestrar os modelos de IA que son a base das tecnoloxías desenvolvidas e dos seus usos. Entre estas están entidades tan senlleiras como o Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega ou a Editorial Galaxia, entre moitas outras.

O evento rematará coa intervención do reitor Antonio López Díaz, da directora xeral de IA do Goberno de España, Aleida Alcalde; do secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García.

Proxecto Nós

O Proxecto Nós é unha iniciativa para situar o galego canda as linguas máis desenvolvidas no ámbito das tecnoloxías lingüísticas e a Intelixencia Artificial. O seu obxectivo principal é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos tecnolóxicos en lingua galega, como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais.

En paralelo, o proxecto promove tamén a presenza dixital do galego, facilitando a creación dunha ampla variedade de ferramentas e de recursos de alta calidade e de uso libre. Algunhas delas (un tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito, e unha aplicación de síntese de voz que le en galego) están á disposición e accesibles a través do web do proxecto para calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore a lingua galega. Deste xeito, ademais de garantir os dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante no mundo dixital, tamén se contribuirá á modernización e dixitalización do ecosistema de empresas galegas e á creación de valor con novos produtos que empreguen o galego.

O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia, que lle encomendou a súa execución á Universidade de Santiago de Compostela a través de dúas entidades punteiras de investigación en Intelixencia Artificial e tecnoloxías lingüísticas: o ILG e o CiTIUS. Actualmente está sendo financiado polo Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do proxecto ILENIA
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.12.2025.