Ir o contido principal

XVII Seminario de Avaliación de Materiais Didácticos

22.10.2025-23.10.2025
Facultade de Ciencias da Educación. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Ciencias da Educación. FOTO: Santi Alvite

A Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela acollerá os días 22 e 23 de outubro o XVII Seminario de Avaliación de Materiais Didácticos ‘Xénero e Materiais Didácticos’, coordinado por Milena Villar Varela, Clara Martínez Delgado, Jesús Rodríguez Rodríguez e Silvia López Gómez. O encontro reunirá especialistas e estudantado do ámbito da educación, da investigación e da creación de materiais para reflexionar sobre a presenza e tratamento da perspectiva de xénero no ensino.

A sesión de apertura botará a andar o día 22, ás 16.15 horas. A seguir, desenvolverase o relatorio inaugural ‘Coeducación en acción: materiais didácticos, métodos e retos para unha escola igualitaria’, a cargo de Clara Martínez Delgado e Milena Villar Varela. A tarde completarase con obradoiros simultáneos en materia de análise crítica de materiais didácticos desde a perspectiva de xénero; publicidade, redes e cultura visual: o currículo oculto na aula; IA, contos e perspectiva de xénero; videoxogos e xénero; materiais que educan en igualdade: xénero e emocións como eixes pedagóxicos; e reescribindo o mundo: edición crítica de materiais.

Ao día seguinte, ás 16.00 horas terá lugar a mesa redonda ‘Xénero, currículo e materiais: experiencias desde a investigación e a práctica docente’, con José Wilson dos Santos, Rocío Anguita Martínez, Deise Cristina de Lima Picanço e Patricia Alonso Ruido. O coloquio estará moderado por Eva Mª Barreira Cerqueiras. A continuación, desenvolverase a Scape Room ‘Código violeta: o enigma dos materiais didácticos’, para finalmente dar paso á sesión de clausura. 

En suma, o seminario pretende crear un espazo de diálogo arredor do papel que xogan os materiais didácticos na construción dunha escola igualitaria, explorando retos e propostas innovadoras no eido da coeducación. As sesións desenvolveranse na Aula 6-7 (Módulo A) da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur). A inscrición é gratuíta, mais require inscrición previa a través dun formulario en liña

O XVII Seminario está organizado polo grupo de traballo CAVILA de Nova Escola Galega (NEG), coa colaboración do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación da USC, así como de diversas institucións e grupos de investigación vinculados á análise crítica de materiais didácticos, á innovación pedagóxica e á igualdade de xénero no ensino.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.09.2025.