Máis de 200 nenos e nenas gozaron do Verán CampUSC 2021

O verán CampUSC 2021 contou coa participación de máis de 200 nenos e nenas nacidas entre 2004 e 2017, moitos dos e das cales inscribíronse en diferentes quendas superando a barreira das 500 inscricións. O alumnado da derradeira das cinco quendas que integraron esta edición visitou este luns o Colexio San Xerome para manter un encontro co reitor Antonio López e coa vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. Os vinte nenos e nenas, distribuídos en dous grupos de dez, estiveron acompañados polo xerente da Fundación USC, Óscar Hermida, e logo de pasar pola Reitoría da USC, visitaron o Concello de Santiago.
O Verán CampUSC é un campamento urbano que busca “posibilitar a conciliación entre a vida laboral e familiar tanto da comunidade universitaria da USC coma do público xeral durante o período das vacacións escolares”, sinalan dende a organización. A través do seu programa de actividades, o Verán CampUSC serve de espazo de iniciación a unha gran cantidade de actividades de ocio e tempo libre, xogos e deportes, atendendo ás idades e desenvolvemento psíquico-físico das nenas e nenos. “Este é un programa moi importante para a Universidade porque, por unha banda, permite a conciliación familiar e, pola outra, desenvolve unha función lúdico-educativa moi importante neste tramo de idade”, explicou a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo.
Neste programa, os rapaces e rapazas participantes desenvolven tamén, de xeito transversal, valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, integración, hixiene e respecto ás normas.
Medidas sanitarias
A edición 2021 mantivo unha serie de medidas implantadas xa o pasado curso para facer fronte á actual situación sanitaria. Dende a organización, coordináronse con especialistas todas as medidas de seguridade, de prevención da saúde e de hixiene que a situación require para coidar ao máximo a saúde tanto dos participantes como do persoal que dinamiza o programa. Ademais, antes do inicio do programa, as familias participantes recibiron toda a información do desenvolvemento da actividade relativa ás medidas implantadas.
