Aberta a inscrición na oferta deportiva para o curso 2021-2022

As escolas e actividades deportivas da USC para o curso 2021-2022 xa teñen aberto o seu prazo de inscrición. Actividades acuáticas, aeróbicas e de acondicionamento físico, aprendizaxe deportiva, tenis (aprendizaxe deportiva), así como benestar e lecer son os eidos nos que se clasifican os diferentes cursos ofertados.
Asemade, o Servizo de Deportes mantén aberto o prazo para solicitar a práctica libre. Neste senso, é posible reservar as instalacións para realizar bádminton, tenis ou tenis de mesa, nos tres casos para uso colectivo. Tamén poden solicitarse abonos de dez reservas para pista de bádminton e pista de tenis. As reservas de uso individual poden formalizarse para acondicionamento físico en sala, natación, atletismo en interior e escalada, alén de poder adquirirse bonos de cinco e dez usos. Os abonos poden solicitarse para acondicionamento físico en sala, atletismo, escalada, multideporte e natación. O Servizo de Deportes oferta tamén rutas de sendeirismo.
Bolsas
A Universidade ofrece ademais 70 bolsas Santander para o fomento da práctica físico deportiva do seu alumnado. Entre o 13 de setembro e o 10 de outubro poderase optar a estas axudas que consisten na devolución do importe do primeiro prazo da matrícula realizada nas escolas físico deportivas da USC para o curso 2021-2022 de acordo co establecido na convocatoria.
Só se poderá solicitar e conceder unha bolsa por persoa e para recibir a contía estipulada o alumnado terá que asistir polo menos ao 80% das clases impartidas ata o 30 de novembro deste ano. As bolsas concederanse por estrita orde de solicitude segundo a prioridade establecida para as escolas. Quen reúna todos os requisitos esixidos e non obteña bolsa quedará na listaxe de agarda ata a resolución definitiva.
As escolas con prioridade alta son Autodefensa, Futsal feminino, Karate, Kung-fu, Meditación, Taekwondo perfeccionamento e Tai chi-Chi kung; mentres que as de prioridade baixa son Atletismo, Balonmán, Natación competición e Tenis competición. Pode obterse máis información sobre este proceso no enderezo electrónico deporsec [at] usc.es (deporsec[at]usc[dot]es)